DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As X Xornadas Sociedade e Dereito estarán centradas na crise do actual sistema

Unha trintena de expertos analizarán o descrédito da xustiza

Os organizadores destacan o perigo que supón esta situación para unha democracia

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 18/02/2013

“A nosa administración de xustiza, inconexa, obsoleta, caótica e incapaz de xerar confianza nin cara dentro nin cara fóra, necesita unha reforma ampla e integral. O seu descrédito e o seu mal funcionamento constitúen, sen ningunha dúbida, unha das disfuncionalidades máis perigosas para un sistema democrático”. Deste xeito explica o docente de Dereito Constitucional José Agustín González-Ares a delicada situación que está a vivir a xustiza en España. Para analizar a súa realidade e buscar fórmulas de futuro, as Xornadas Sociedade e Dereito estarán dedicadas nesta ocasión ás cuestións de actualidade no eido xurídico e para facelo contarán con arredor dunha trintena de expertos.

As X Xornadas Sociedade e Dereito. Cuestións Actuais na Xustiza en España celebraranse os días 2, 3, 4, 9, 11 e 12 de abril na Facultade de Dereito do campus de Ourense baixo a dirección de José Agustín González-Ares e coa organización tamén da Asociación de Estudo Xurídicos. A temática desta edición das xornadas foi elixida tendo en conta “o delicado momento que vive a xustiza, que se ten convertido nun dos temas máis candentes da sociedade actual”, explica González-Ares. Segundo explica o profesor ourensán, son moitas as cuestións que debater neste eido, os retos que afrontar e as decisións que adoptar, tanto no que se refire á propia organización da xustiza como no relativo ao acceso á mesma por parte dos cidadáns, cuestións sobre as que se reflexionará nas sesións que se celebrarán.

Demandas urxentes da sociedade

“O progreso operado en España nas últimas tres décadas non alcanzou a unha administración de xustiza que se amosa incapaz de ofrecer á cidadanía un servizo público de calidade, moderno, eficaz, eficiente e adecuado ás necesidades dos nosos días. Pola contra, os cidadáns deben confiar na xustiza como último recurso para protexer os seus dereitos e bens. A tutela xudicial efectiva, consagrada no artigo 24.1 da Constitución, é un dereito básico e fundamental ao que todos e todas debemos ter acceso sen ningún tipo de cortapisa”, recalca José Agustín González-Ares. Para conseguilo, apunta, é moi urxente conseguir un sistema xudicial racional, seguro, sensato, áxil, confiable, apolitico e nunha soa palabra, “xusto”.

Neste contexto, as X Xornadas Sociedade e Dereito propóñense como obxectivos analizar a situación actual da xustiza, reflexionar sobre as decisións a tomar no que respecta á súa organización e acceso, estudar os desafíos que a globalización e a tecnificación supoñen para este sector; examinar as reformas máis urxentes que a sociedade lle demanda; profundar na análise da tutela xudicial efectiva e afrontar os retos que teñen os xuristas e os profesionais da administración de xustiza. Concretamente, a tutela xudicial efectiva, as taxas xudiciais, a tutela cautelar, as incidencias das reformas laborais nos xulgados, a asistencia xurídica gratuíta, a nova Lei de Mediación Civil e Mercantil, o amparo constitucional, a protección de menores, a impunidade, a xurisdición internacional, o presente e futuro do ministerio fiscal e a “deconstrución do estado de Dereito” serán algúns dos temas que se tratarán.

Unha trintena de expertos de diferentes eidos profesionais e académicos serán os encargados de acometer esta tarefa. Entre eles estarán os decanos das facultades de Dereito de Ourense e Santiago de Compostela, Roberto Bustillo e Luís Míguez; os catedráticos Luis Rodríguez Ennes e Jaime Cabeza; Fernando Alañón, presidente da Audiencia Provincial de Ourense; Antonio Piña, maxistrado xuíz-decano de Ourense; Arturo González, decano do Colexio de Avogados de Ourense; Ana María López, vicedecana do Colexio de Procuradores de Ourense; Florentino Delgado, fiscal xefe da Fiscalía Provincial; Mª del Carmen Eiró, fiscal de menores da Fiscalía Provincial; avogados como Miguel A. González, e un longo etcétera de docentes de diferentes universidades, como Inés Iglesias Canle, Ágata Sanz, Antonio Míguez e Pablo Raúl Bonorino. Un ano máis as xornadas están dirixidas a estudantes, egresados, profesionais do Dereito, as Ciencias Sociais e áreas afíns e ao público xeral. Con 37 horas lectivas, a iniciativa está recoñecida con un crédito ECTS e dous de libre elección. O custe da matrícula é 64 euros en xeral e 32 para alumnado da Universidade de Vigo e para licenciados en Dereito.