DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celébrase simultaneamente nos campus de Ourense e A Coruña

Unha trintena de nenas e nenos participa na Escola Superior de Enxeñaría Informática no campamento Aldaba-TIC

Destinado a fomentar as vocacións STEM e contribuír á igualdade de xénero neste eido

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cursos
  • Estudantado
  • Igualdade
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Ourense 26/06/2023

Este luns arrancou simultaneamente na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense e na Facultade de Informática do campus da Coruña o campamento de verán Aldaba-TIC Camp, destinado a fomentar as vocacións STEM e contribuír á igualdade de xénero neste eido. En cada una das cidades participa nesta iniciativa 36 nenas e nenos de 6 a 12 anos, o 80% mulleres.

A actividade, financiada para os dous campus polo Consello Social da Universidade da Coruña, forma parte da programación da Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business, posta en macha en 2019 polas universidades de Vigo e A Coruña e a empresa Aldaba co obxectivo de potenciar e enriquecer o progreso das TIC promocionando unha crecente participación das mulleres no seu desenvolvemento e establecendo canles bidireccionais de colaboración entre a academia e a empresa.

“O campamento Aldaba-TIC Camp responde a un dos obxectivos principais da Cátedra Aldaba que é lograr unha maior integración das mulleres na informática, un campo moi deficitario neste senso, por iso nel teñen preferencia as nenas, que ocupan un 80% das prazas. Non queriamos facer un campamento só de rapazas pero si que queriamos contribuír a que as nenas, que a medida que teñen máis idade se afastan da tecnoloxía, a vexan como algo positivo, que a coñezan e que polo tanto máis adiante se poidan propor estudar esta carreira”, comenta Alma María Gómez, profesora da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense e codirectora desta cátedra xunto a Virginia Mato (UDC). A codirectora pon de relevo a excelente acollida que tivo esta iniciativa nesta primeira edición, apuntando como as prazas dispoñibles se esgotaron ás horas de abrirse o prazo de matrícula, o que fixo que a organización ampliase das 30 prazas inicialmente previstas ás 36.  

Unha misión a Marte

O Aldaba-TIC Camp desenvolverase ata o venres 30 en horario de 9 a 14 horas no edificio Politécnico do campus. Está impartido por monitoras y monitores de PlayCodeAcademy e ao longo do seu desenvolvemento contará coa participación das investigadoras Patricia Concheiro e Carmen Miranda (UDC) e Lorena Otero e María Encarnación González (UVigo). Os talleres do campamento, que xoga coa idea de preparar unha misión para viaxar a Marte, estarán adaptados por idades pero entre as actividades que se propoñen están adestrar drons de recoñecemento, programar aplicacións de interacción e robots e fabricar un foguete e ferramentas 3D. Para conseguilo, as e os rapaces utilizarán ferramentas como Lego, Arduino, Scratch, impresoras 3D ou kits de robótica.

O obxectivo último desta actividade é espertar e desenvolver nas e nos participantes o interese pola tecnoloxía e que a consideren algo atractivo e próxima, ademais de comprobar a súa utilidade. As carreiras TIC, e especialmente a enxeñaría informática, lembran desde a Cátedra Aldaba WIB, teñen unha moi baixa presenza feminina que non fai máis que diminuír nos últimos anos: mentres que as estudantes de Informática eran aproximadamente un 35% do total nos anos 90, agora mesmo están por baixo do 20%. Isto implica, subliñan, perda de talento e que a tecnoloxía do futuro podería estar nesgada ao faltar a visión das mulleres na súa construción. Neste contexto, o campamento Aldaba-TIC xurde tendo en conta tamén que “moitos estudos determinan que os nenos e nenas teñen un interese similar pola tecnoloxía e as matemáticas ata aproximadamente os 6-8 anos. A partir deste punto, as nenas comezan a perder interese e a sentirse menos capacitadas en matemáticas e tecnoloxía (aínda que os resultados académicos no campo son iguais en nenos e nenas)”.