DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A estudante Laura Llópiz tentará revalidar en Sanxenxo o título de campioa mundial de Vela

Tripla campioa mundial no mar e no campus

A deportista agarda poder participar nos Xogos Olímpicos de Río en 2016

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 28/06/2013
Paixón pola vela, polo mar... en definitiva, paixón polo deporte. Este é o mellor xeito de definir a Laura Llópiz, unha deportista de alto nivel que entre o 13 e o 20 de xullo intentará revalidar en Sanxenxo, por terceira vez consecutiva xunto coa súa curmá Lucía Llópiz, o título de campioa do mundo de Vela na modalidade Vaurien. Laura compaxina os adestramentos diarios no Centro de Alto Redemento de Vilagarcía cos estudos en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Esta moza de 21 anos recoñece que é difícil cadrar horarios, buscar ocos para repasar apuntamentos e facer traballos académicos pero a vela e o deporte, no seu sentido máis amplo, son o “motor” da súa vida.

A atracción que en Llópiz esperta o mar foi un dos factores determinantes para que esta moza comezase a practicar vela dende moi nova, participando en campionatos dende os 15 anos vinculada ao Real Club Náutico de Vigo. Para ninguén foi unha sorpresa que logo de facer os exames de selectividade esta rapaza optase por estudar o Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte en Pontevedra. Agora, a piques de rematar a súa carreira, para o vindeiro curso presenta o seu traballo fin de grao, só pensa en seguir formándose e competindo. “É posible que nun futuro opte por estudar con máis detemento a relación existente entre o deporte e saúde, centrándome sobre todo naquelas actividades físicas dirixidas ás persoas maiores”, salienta. Pero, “imos ir paseniño a paseniño, centrándonos primeiro nas competicións que veñen e logo no traballo académico que debo presentar para o vindeiro curso”.

De campionato en campionato

Tres horas diarias, cinco días á semana, é o tempo mínimo que as dúas curmás Llópiz lle dedican aos seus adestramentos tanto en Vilagarcía coma en Pontevedra. A maiores, ambas contan co apoio do profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Óscar García que pouco a pouco se foi convertendo nun dos seus adestradores físicos. Nestes días, os adestramentos estanse a intensificar xa que, a mediados do vindeiro mes de xullo, as dúas regatistas participarán no Campionato Mundial de Vela de Vaurien en Sanxenxo, onde pretenden revalidar o título de campioas que xa conseguiron en Francia, Alemaña e Eslovaquia en anteriores edicións. “Desta vez xogamos na casa, coñecemos a zona, sabemos dos cambios do vento. Pódese dicir que si temos certa vantaxe en relación ao resto de tripulacións”, destaca Laura Llópiz.

A súa seguinte cita coa vela será no Mundial de 470 de Francia en La Rochele entre o 3 e o 10 de agosto. Esta cita será a súa primeira toma de contacto cun novo modelo de embarcación, o 470, que é o que se emprega nas competicións olímpicas. “Participar neste campionato é para nós unha especie de proba para saber como nos adaptamos a este barco, sobre todo de cara a participar nos Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro en 2016”, comenta a regatista.