DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tres investigadores da Universidad de Colima protagonizaron un coloquio na Casa das Campás

Tripla ollada aos novos horizontes que se abren na política mexicana

Nunha actividade promovida polo Igadi e a Vicerreitoría

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Cultura
DUVI Pontevedra 26/09/2018

Tras ser proclamado vencedor das eleccións celebradas no mes de xullo, Andrés Manuel López Obrador converterase o 1 de decembro no novo presidente de México. Os retos aos que terá que facer fronte nesta nova etapa foron o obxecto central do debate que o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) e a Vicerreitoría do campus promoveron na tarde deste martes na Casa das Campás e no que, da man de tres investigadores da universidade mexicana de Colima, o momento actual e o futuro do país americano foron abordados desde unha tripla perspectiva.  

O coloquio, enmarcado na liña de colaboración que manteñen Igadi e Vicerreitoría, foi moderado polo director deste instituto, Daniel González Palau, e abriuse coas reflexións sobre a viabilidade das propostas de campaña de López Obrador que formulou o profesor Ricardo Castellanos Curiel. Neste punto, o investigador puxo o acento nas diferencias entre esas promesas de campaña “e a letra pequena que non se dixo naquel momento”, pero tamén en como o candidato da coalición Juntos Haremos Historia “non foi apoiado por moitas cúpulas empresariais” e en como isto leva a que “ás veces as noticias” relativas ás promesas do presidente electo “estean sacadas un pouco de contexto”.

De abordar a nova etapa política que se abre en México desde unha perspectiva de xénero encargouse Claudia M. Prado-Meza, que centrou a súa intervención nas cotas de xénero que posibilitaron que, por primeira vez na historia deste país, haxa practicamente o mesmo número de mulleres que de homes nas cámaras lexislativas. “Hai como dous discursos, un primeiro que o celebra, xa que é algo no que se levaba traballando moito tempo”, e un segundo que fai referencia “aos retos que isto xera, xa que teñamos máis mulleres en ambas cámaras non significa que estas vaian ter unha axenda feminista”, salientou esta investigadora. Por último, esta análise da situación actual de México pechouse abordando a política internacional, da man de Francisco Javier Haro Navejas, quen se referiu ás “incógnitas” existentes de como actuará en materia de relacións internacionais o goberno de López Obrador, así como ao caso concreto dos Estados Unidos, “con quen hai unha negociación sobre o tratado de libre comecio que se iniciou co goberno saínte e da que aínda non sabemos os resultados”.