DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Banco de tempo achégase á Universidade da man de Asociación de Desenvolvemento Rural

Troco de servizos e satisfacción persoal co tempo como moeda de cambio

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 31/03/2009

Xoán leva a traballar a María. María leva a pasear a Facundo. Facundo cóntalle contos á nena pequena de Luís e Luís ensina a Pedro a facer os labores do fogar. Cada un presta e recibe un servizo, pero a moeda de cambio non é o euro nin o dólar nin a libra senón o tempo. É a filosofía do Banco de Tempo que promovoe a Asociación de Desenvolvemento Rural PRODER II da comarca de Pontevedra que este martes se presentou á comunidade universitaria.
Moitos estudantes, profesores e PAS “téñense interesado por esta iniciativa e pediron información”, comentou a directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes, Ana Belén Fernández Souto. E é que, o único requisito para facerse socio do Banco do Tempo é ser maior de idade porque, como recordou Herminia Dios, da ADR, “é un servizo gratuíto dunha entidade sen ánimo de lucro cuxa única ganancia é a satisfacción persoal do intercambio”.
Os servizos máis demandados son os de axuda coas tarefas informáticas e a compañía para facer actividades no tempo libre. Pola contra, os socios tamén ofertan sesións de terapia floral ou reiki a cambio. Todos os intercambios quedan rexistrados nun "talonario do tempo" que comproba que se manteña a reciprocidade. En calquera caso, Herminia Dios explica que “cada día se achegan novas persoas e se ofertan e demandan novos servizos que a priori non están recollidos”.

Intercambio xeracional

No caso dos socios universitarios, a conversación en inglés, francés ou galego é o servizo máis demandado e a través del “os estudantes saen do seu círculo habitual e favorécese o intercambio xeracional”, apunta Dios.
Entre aqueles que xa son membros do Banco de Tempo existen “persoas de todas as idades”. Un grupo significativo rolda a vintena, “a maioría da Universidade de Vigo", sinala. Outra franxa está composta por xente entre os trinta e tres e os corenta anos e tamén existe un numeroso grupo de xente “de máis sesenta anos, moi dinámicos e implicados”.
Outro dos obxectivos é o de favorecer as relacións sociais e por iso, periodicamente, os socios reúnense en sesións nas que traballan aspectos como a confianza ou a comunicación e aproveitan para comentar o estado das súas actividades. Polo momento, hai 23 socios incorporados ao Banco de Tempo e once que formalizarán a súa inscrición nas próximas semanas. Aqueles membros da comunidade universitaria que queiran trocar servizos por tempo poden contactar coa oficina técnica da ADR no 986 108 144 ou pasarse polas súas oficinas na rúa de Santa Clara 4, 2º.