DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato e Santiago Domínguez mantiveron unha xuntanza este xoves

Turismo, comercio e industria, liñas prioritarias de cooperación entre Universidade e Tenencia de Alcaldía de Vigo

Salientaron a importancia de que a institución académica responda ás necesidades da sociedade

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 29/07/2010

O turismo, o comercio e a industria e os deportes serán as prioridades que determinarán o traballo conxunto da Universidade e a Tenencia de Alcaldía de Vigo no futuro. Así o acordaron nunha xuntanza esta mañá o reitor, Salustiano Mato e o tenente de alcalde, Santiago Domínguez. Nesta primeira reunión entre ambos mandatarios, coincidiron en apostar por estreitar a colaboración que ambas institucións veñen mantendo nos últimos anos e avogaron por centrarse en sectores tan estratéxicos para a cidade como o pequeno e mediano comercio, a industria e o turismo, ao tempo de salientaron as boas experiencia de cooperación mantidas xa no eido deportivo.

O reitor puxo de relevo “a vocación correlacionadora que ten a Universidade para poñer as nosas capacidades ao servizo das necesidades do tecido empresarial e social” e amosou o seu convencemento de que a intelixencia cooperativa fará efectiva a visibilidade da institución na cidade”. “Somos un polo de innovación” apuntou, e como tal “debemos ser compañeiros de viaxe da cidade, abrindo portas entre ambas institucións para que o tecido empresarial atope a luz ao final deste túnel que é a crise económica”. Pola súa banda, o tenente de alcalde subliñou “a sensibilidade e o coñecemento” que dos temas fundamentais da cidade ten o reitor. Santiago Domínguez sinalou que “con ilusión e talento podemos camiñar da man para facer máis grande a Universidade e a cidade de Vigo”.

O turismo, un eixo estratéxico

Xunto co fomento do emprego entre os mozos, Domínguez destacou o sector turístico como un dos eixos estratéxicos da colaboración futura coa Universidade. Neste sentido referiuse á necesidade de buscar novas técnicas de captación e promoción e de realizar estudos sobre os comportamento de determinados segmentos que poidan ser potencialmente atraídos a Vigo. Para Mato, este sector debe asentarse nun “turismo intelixente, non estacional e diversificado e explicou que “cando falamos de internacionalizar a Universidade, isto implicar levar polo mundo a imaxe de marca de Vigo” e definiuse como “axente comercial proactivo para a cidade”.

Xunto co sector turístico, Mato e Domínguez afondaron nas necesidades do sector empresarial, do pequeno e mediano comercio vigués co que a Universidade colaborará para “buscar instrumentos de modernización e innovación e seguir sendo competitivos”. O reitor amosouse satisfeito polo poder poñer a disposición do sector as potencialidades da Universidade, “que antes as súas necesidades podemos achegar solucións, que somos un centro de referencia para Vigo”. En concreto Domínguez adiantou o encargo a un grupo de investigación da Universidade dun estudos sobre os mercados da cidade co fin de elaborar un plan estratéxico.

En definitiva, tratouse de establecer liñas estratéxicas para poder deseñar logo grupos de traballo específicos que poidan “ir dando resultados a cada necesidade”.

Deportes e escola infantil, no eido social

No tocante aos temas sociais, o reitor e o tenente de alcalde avogaron por incidir na cooperación que tan bos resultados deu no eido deportivo, como a candidatura á Universiada, o Mundial Universitario de Taekwondo ou o Forum FISU. “Debemos ser un elemento de canteira para os clubs deportivos da cidade, favorecer o asociacionismo deportivo e facernos ver como un lugar da cidade no que facer deporte”. Mato e Domínguez tamén se referiron ao proxecto da escola infantil no campus vigués e expresaron o seu compromiso. “Estamos en contacto coa Consellería de Traballo e Benestar e a intención é a de acelerar o proceso”, apuntou o reitor.

A autonomía universitaria por riba de todo

Ante os medios de comunicación, o reitor falou tamén dos acordos acadados este mércores no Consello Galego de Universidades. Segundo Mato, o plan de austeridade, “que é en realidade de sustentabilidade”, recolle varios exemplos de recortes pero non son extrapolables, ao seu entender, indistintamente a calquera universidade. “Cada un debe ver como e onde facer os recortes necesarios, porque non estamos todos na mesma posición”. Mati apuntou que Vigo ten unha gran capacidade de captación de recursos externos, que no curso que vén de rematar representaban máis do 30% do orzamento. Así, explicou que non se trata só de recortes, senón de aumentar os recursos obtidos para non ser ten dependentes.

Con todo, valorou moi positivamente o plan de eficiencia pero “a Universidade de Vigo xa están dando exemplos deste tipo de medidas, e aínda o faremos máis”. Ademais, Mato quixo incidir en que este tipo de plans de austeridade son positivos como elementos de control, pero non de intervención. “As universidades son autónomas e non se poden intervir e moito menos se están saneadas como é o caso de Vigo”, sen débeda e cos gastos e os ingresos axustados, “para iso está a autonomía universitaria”, concluíu.