DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense celebrou este venres o acto de posgraduación do alumnado deste mestrado

O turismo de interior e de saúde ábrese paso en Ourense coa súa primeira promoción

29 novos profesionais rematan os seus estudos e inician a súa andaina profesional

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 30/03/2012

Coa chegada da primavera comezan a celebrarse os primeiros actos de fin de estudos no campus de Ourense. Os máis madrugadores este curso foron os alumnos da quinta promoción do Máster en Dirección e Planificación do Turismo e da primeira promoción do Máster en Dirección e Planificación do Turismo de Interior e de Saúde, que dá continuidade ao anterior. Este venres celebraron a súa posgraduación nun emotivo acto no que, a pesar da crise, quedou patente que eles poden enfocar a súa saída ao mercado laboral con certas doses de esperanza e ilusión. O turismo segue a ser motor económico do país e eles pasan agora a ser persoal altamente cualificado del.

O acto de posgraduación, que tivo lugar na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, contou coa participación de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Carmen Pardo, secretaria xeral de Turismo da Xunta de Galicia; Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; José Antonio Fraiz, coordinador do mestrado; e Xosé Manuel Rodríguez, xerente de INORDE e padriño da promoción. “Para esta Universidade é un motivo de satisfacción e de orgullo que a pesar dos atrancos estemos hoxe aquí celebrando a vosa posgraduación, pois sodes a xeración mellor formada da historia do noso país”, díxolle María Lameiras aos 29 estudantes que celebraron o remate dos seus estudos xunto a familiares e amigos.

Unha boa elección

Todas as persoas que interviron no acto tiveron moi presentes nos seus discursos a crise, fronte á que lle quixeron dar azos ao alumnado. “Rematades este mestrado cheos de vivencias e experiencias, moi formados e preparados. Agora só queda que se cumpran as vosas expectativas profesionais”, salientou José Antonio Fraiz. A secretaria xeral de Turismo foi a encargada de pór en cifras esas boas expectativas. “Escolléstedes ben. Estades nun sector de futuro, nun sector que a pesar da crise en Galicia está creando emprego”, díxolles Carmen Pardo, que apuntou que durante 2011 en nove dos doce meses se creou emprego neste sector.

Con estes datos, Elisa Alén pediulle aos estudantes “unha visión optimista cara o futuro” e felicitiu a José Antonio Fraiz e a Noelia Araújo polo traballo que realizan para que este mestrado en Turismo acade cada día unha cotas de excelencia mellores. Un aspecto que tamén foi destacado polos alumnos durante o discurso dos seus representantes, que entre recordos e desexos de futuro quixeron agradecer á institución académica “o nivel docente e as achegas de expertos doutras universidades e profesionais”.

Foi o padriño de promoción, Xosé Manuel Rodríguez, ao que lle tocou dar consellos a estes 29 novos profesionais que agora abre unha nova etapa na súa traxectoria persoal e laboral. “Agora tócavos a vos saír, innovar, crear e competir. Nunca desfalezades ante as tormentas laborais”. Neste novo reto, recomendoulles para o seu éxito “traballo e perseverancia, responsabilidade e sentido común”.