DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas por Trevihost e a Dirección Xeral de Turismo

O turismo de montaña centra unhas xornadas sobre desenvolvemento sostible no rural

Terán lugar os días 16,17 e 18 de outubro nos concellos de A Veiga e O Barco

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 06/10/2008

O medio rural nas zonas de montaña está a sufrir nas últimas décadas unha profunda transformación socioeconómica por mor do avellentamento da poboación, a diminución do número de habitantes e o abandono das explotacións agrarias, gandeiras e forestais. Pese ao negativo da situación, o turismo de montaña estase a conformar como unha boa alternativa para acadar un desenvolvemento sostible grazas á ampla oferta de servizos vinculados ao ocio e o tempo libre. Co fin de amosar as posibilidades que ofrecen estes territorios, ricos en recursos, como destino turístico e ademais, para consolidar un modelo de desenvolvemento económico que contribúa a manter a montaña como espazo social vivo, nacen as primeiras Xornadas Técnicas Trevinca-A Veiga: O Turismo de Montaña en Galicia. Organizadas pola Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia e Trevihost, en colaboración con outras entidades entre as que destaca a Universidade de Vigo, terán lugar nos concellos de A Veiga e O Barco de Valdeorras entre os días 16 e 18 de outubro.
A idea xurdiu da asociación de hostalería e turismo da zona de Trevinca e a Veiga, Trevihost, dende onde detectaron a necesidade “de dar a coñecer o territorio onde traballaban e ademais, crear un foro de debate e reflexión para o turismo de montaña”, explicou Javier Otera, director das xornadas. A partir de entón comezou a tarefa de dar forma, xunto á Xunta de Galicia, a esta iniciativa, que pretende lograr o desenvolvemento sostible do medio rural. “O obxectivo en si mesmo, non é o fomento do turismo de montaña”, puntualizou, “senón que iso é máis ben a ferramenta para mellorar as condicións socioeconómicas da poboación destas rexións”. Pero ademais, a idea tamén pretende contribuír a dar a coñecer a área de Trevinca e A Veiga e debater as alternativas que ofrece de cara á explotación dos seus recursos, ricos a nivel de fauna, flora, paisaxe e xeoloxía.
Aínda que o turismo de montaña como tal non é unha novidade, “é agora cando se comeza a ofrecer como un produto turístico debidamente organizado” comentou Otera. De feito, “Pena Trevinca é o teito de Galicia e todos os cumios de máis de 2.000 metros están pola zona, polo que ten unha longa tradición montañeira” dixo. O que se pretende agora é estruturar a oferta seguindo o exemplo doutros lugares de características similares como Serra de Gredos, Pirineos ou Picos de Europa, para darlle un forte pulo económico á rexión.

Docentes e profesionais, xuntos no programa

As xornadas, que van ser inauguradas polo director xeral de Turismo, Rubén Lois González coa conferencia O turismo en espazos de montaña, conxugarán dúas sesións teóricas ofrecidas por destacados docentes e profesionais do sector. A primeira parte do programa, será impartida por profesores e investigadores universitarios, entre os que se atopa Elena de Uña, da Universidade de Vigo, que falará sobre os espazos protexidos en Galicia e a súa relación co turismo. “Esta sesión ofrecerá diferentes aproximacións ao turismo de montaña dende distintos ámbitos”, comentou Javier Otera, mentres que a segunda parte, ofrecida por profesionais que traballan en zonas montañosas, “aportará interesantes experiencias tanto da rexión como doutros lugares similares”. Ademais das sesións teóricas, o sábado 18 realizarase unha visita guiada polo concello de A Veiga e Pena Trevinca, con interpretación da paisaxe do macizo de Trevinca, o glaciarismo, o papel da agricultura e a gandería e do turismo na zona.

Información para os interesados

Todos aqueles interesados en participar nas xornadas deberán realizar canto antes a preinscripción correspondente no teléfono 666211414, na dirección de correo electrónico info@itoconsultores.com ou na páxina web. Ademais, por todos estes medios tamén se pode ampliar a información do curso, que está dirixido a profesionais e a estudantes universitarios “pois a xente en formación nos eidos turísticos e medio ambientais son os que traballarán no tema o día de mañá”. O prezo para os participantes será de 15 euros, que inclúen a asistencia ás xornadas, a documentación correspondente, a cea de clausura, o aloxamento da noite do 17 de outubro para quen o necesite, unha visita guiada pola zona e o certificado de asistencia. Asemade, están solicitados dous créditos de libre configuración para os asistentes pertencentes ás universidades de Vigo e León.