DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar os días 18, 19 e 20 de abril

O turismo de natureza centrará en Foz un curso de extensión universitaria

Organizado polo Máster de Turismo en colaboración co Concello de Foz

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 15/04/2008

O auxe da integración da natureza como parte do turismo e alternativa de ocio, será o eixo central do curso de extensión universitaria Turismo de natureza, organizado polo Máster en Dirección e Planificación do Turismo en colaboración co Concello de Foz. Precisamente será alí onde os días 18, 19 e 20 de abril, na Escola Obra Pía de Fazouro,
se desenvolverán as xornadas nas que unha decena de especialistas afondarán, de xeito teórico e práctico, nos diferentes aspectos do tema.
Segundo o director do posgrao e un dos directores do curso, Jose Antonio Fraiz, “o curso aborda o turismo de natureza, analizando os seus tipos, a súa traxectoria, ou a demanda que ten. Para facelo máis dinámico, está organizado en forma de conferencias, mesas redondas e visitas a produtos turísticos e recursos naturais da zona, como a unha casa rural, ao contorno do río Ouro ou á exposición Terras do Miño” explicou.
O obxectivo, “como en todos os cursos de extensión universitaria que organizamos, é complementar a formación dos titulados en Turismo, porque na carreira non hai ningunha materia específica disto e ademais, alumnos e especialistas van convivir ao longo dunha fin de semana co fin de propiciar a interacción e o debate” dixo Fraiz.
Maila o que poida parecer, Noelia Araújo, outra das directoras do curso, puntualizou que “estas xornadas non están dirixidas exclusivamente aos alumnos da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Calquera interesado neste eido pode participar, porque as conferencias parten de conceptos moi básicos” dixo “ ademais, e aínda que entre os inscritos temos maioría de estudantes, tamén hai moitos empregados de oficinas de turismo, sobre todo da rexión lucense” engadiu.
“O feito de escoller unha rexión costeira para a realización do curso” comentou a codirectora, “ten que ver co aproveitamento das posibilidades que ofrece o entorno, e a posibilidade de aproveitar tanto a praia como outros recursos e así demostrar que o turismo de natureza non vai en detrimento do máis tradicional de sol e praia, senón que son totalmente compatibles” dixo. A iniciativa xurdiu do propio Concello de Foz, co que, segundo explicou Fraiz “tamén asinamos un convenio de colaboración para a realización de prácticas dos nosos diplomados e posgraduados”. “Estas actividades”, engadiu, “fomentan as relacións institucionais e coas empresas á vez que son excelentes elementos de promoción da Universidade de Vigo” dixo o director do curso.

Últimos días para inscribirse

A cota de inscrición é de 60 euros, se ben para os membros da comunidade universitaria o prezo redúcese a 45 euros e ata 30 para os bolseiros . No prezo inclúese o transporte dende o campus ata Foz. O autobús sairá do Edificio Xurídico Empresarial ás 06.30 horas do venres e volverá a Ourense o domingo pola tarde. O aloxamento para os alumnos do campus será gratuíto, mentres que para o resto de participantes disporanse varios hoteis en Foz dende 15 euros a noite. Ademais, todos os alumnos da Universidade de Vigo poderán validar a asistencia ao curso por dous créditos de libre configuración.
Os interesados en inscribirse teñen ata o xoves 17 de abril para facelo, ben na propia Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, ou ben na Oficina de Turismo do Concello de Foz. No teléfono 988368865 poderán solicitar máis información.