DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo edita un manual de aplicación neste eido en Galicia

O turismo na natureza, unha materia pendente

Os seus autores advirten da escasa oferta neste sector a pesar do seu potencial

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 07/09/2012

Un dos principais motivos que leva aos turistas a viaxar a por Galicia é súa natureza e a súa paisaxe. Sen embargo, o turismo na natureza é, segundo os expertos, un sector cunha limitada oferta que non aproveita todo o potencial que ofrece o territorio galego. Para contribuír ao coñecemento e desenvolvemento deste eido, os profesores da Universidade de Vigo José Antonio Fraiz, Noelia Araújo e Valerià Paül veñen de publicar un manual de turismo na natureza que afonda, a través de exemplos concretos, en como mellorar o aproveitamento dos espazos protexidos.

O Manual de turismo na natureza e a súa aplicación en Galicia, editado polo Servizo de Publicación da Universidade de Vigo, foi elaborado no marco do mestrado en Turismo que se imparte na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense e naceu como unha iniciativa que pretendía encher un oco na bibliografía turística. “É un lugar común aludir ao potencial de Galicia en turismo na natureza e unha parte destacada dos que nos visitan valora notablemente a natureza como motivo de escolla. Sen embargo, practicamente non hai estudos ao respecto”, advirten os coordinadores do libro, que sintetiza os materiais empregados e as experiencias realizadas nunha das materias do mestrado.

“Galicia é sen dúbida un territorio con numerosos recursos axeitados para este tipo de turismo e aínda así chámanos a atención a escasa oferta de produtos por parte das empresas con sede no noso país”, apunta José Antonio Fraiz. A maioría delas, explica, están concentradas nas provincias de Pontevedra e A Coruña e teñen unha oferta especializada nun único produto, na súa maioría relacionado coa navegación. Pola contra, engade Noelia Araújo, “a nosa comunidade é un escenario moi favorable para o turismo na natureza nos tres posibles medios de desenvolvemento, como son terra, aire e auga, e nas catro provincias”.

Tres exemplos de espazos protexidos

Como exemplo deste potencial, o manual recolle as experiencias concretas que o alumnado do mestrado realizou nos últimos catro anos no Parque Natural do Invernadoiro, no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés e no espazo natural protexido de Pena Trevinca. En cada un dos casos e froito do traballo de campo e da reflexión teórica, realízase un achegamento á realidade turística deses lugares e se recollen unha serie de propostas concretas e directrices útiles para avanzar no seu aproveitamento respectando o seu valor natural e a súa poboación. “O libro parte dos contidos máis teóricos e xerais para transitar cara os de tipo práctico e aplicado”, apunta Valerià Paül.

O manual sintetiza as achegas de alumnado e docentes para ofrecer a cada espazo analizado unha folla de ruta que parte da análise da situación e que identifica necesidades de infraestruturas, equipamento, servizos, xestión e promoción, co obxectivo último de converter eses lugares en motores de desenvolvemento turístico e territorial sustentable das zonas protexidas onde se sitúan. “O libro xurdiu como material docente para o alumnado do mestrado pero decidimos publicalo porque, polos seus contidos, pode resultar de utilidade a todo tipo de axentes públicos e privados ligados a este sector, desde as administracións públicas ata as empresas”, destaca Fraiz.