DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun proxecto europeo no que participan tamén Francia e Holanda

Turquía toma nota da xestión da calidade da auga na conca Miño-Sil

Os membros do consorcio reuníronse este mércores na Facultade de Ciencias de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 10/10/2012

A conca do Miño-Sil está xestionada por unha das numerosas confederacións hidrográficas existes en España que conta, entre outras cuestións, coa particularidade de funcionar de xeito transfronteirizo con Portugal. Por esta experiencia acumulada é un dos socios do proxecto europeo de monitorización de calidade das augas que este mércores se reuniron no campus de Ourense. O seu obxectivo é, a través do asesoramento de España, Francia e Holanda, contribuír a que Turquía teña unha planificación hidrolóxica nacional acorde co marco europeo.

A reunión dos membros do proxecto comezou na Facultade de Ciencias coa participación de Pedro Araújo, decano do centro; Francisco Marín, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil; unha delegación oficial de Turquía formada por 29 persoas e encabezada polo seu viceministro de Augas, Nurettin Akman; unha delegación holandesa do Ministerio de Asuntos Económicos, Agricultura e Innovación, líder do proxecto; unha delegación francesa da Axencia de Ordenación do Territorio e Xestión de Augas, e Roberto Castro, subdelegado do Goberno en Ourense. Durante o acto de benvida, Pedro Araújo quixo agradecer a elección da facultade para acoller esta reunión no marco da colaboración entre a Universidade e e Confederación Hidrográfica Miño-Sil e do proxecto Campus da Auga.

Aprendendo da experiencia

A visita enmárcase dentro do proxecto de asesoramento Capacity building on water quality monitoring e dentro dos programas de irmandamento que, promovidos pola UE, configúranse como instrumentos financeiros de cooperación directa cos países candidatos a integrarse na UE e que teñen por obxectivo reforzar a capacidade institucional, a cooperación e o desenvolvemento socioeconómico dos estados implicados. Cun orzamento de dous millóns de euros, a reunión en Ourense forma parte das visitas de estudo que están realizando os socios aos países participantes. “Estamos aquí para aproveitar todas a experiencia de España na xestión de concas”, destacou o viceministro de Augas de Turquía, que quixo agradecer a acollida na Facultade de Ciencias salientando “que a ciencia e a tecnoloxía é a base de todo e por ese motivo debemos contar coas universidades”.

Segundo explicou Nurettin Akman, a pretensión deste proxecto é crear a base institucional e xurídica que permita facer un seguimento, control e monitorización das augas en Turquía. A meta, indicou, é ter antes de rematar o proxecto en 2013 unha planificación hidrolóxica nacional e cumprir así a normativa marco da auga da UE . Neste camiño iniciado co proxecto en 2011 o seu país, indicou Akman, xa conseguiu establecer en once das súas 25 concas un sistema de control de calidade. Para avanzar neste percorrido, as delegacións presentes puideron escoitar en detalle e de man do presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, de Xoán Novás e de José Álvarez as características do sistema de xestión de augas na conca Miño-Sil. Ao rematar, puideron visitar en persoa o centro de control da confederación hidrográfica.