DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto baséase na experiencia para facer visibles as diferentes fases do proceso creativo

Txomin Badiola, Sergio Prego e Jon Mikel Euba convidan ao alumnado de Belas Artes a pasar unha corentena no MUSAC

Buscan a implicación absoluta de 15 voluntarios relacionados co mundo da arte

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
E.L. Castro DUVI 22/10/2009

O espazo 16 da Facultade de Belas Artes ateigouse hoxe de estudantes cheos de curiosidade e interese pola presentación do proxecto artístico que proximamente desenvolverán os artistas Txomin Badiola (Bilbao, 1957), Jon Mikel Euba (Bilbao, 1967) e Sergio Prego (San Sebastián, 1969) no MUSAC, Museo de Arte Contemporánea de Castilla y León, e que apela directamente á colaboración de creadores noveis. Co título de Primer PROFORMA 2010 a proposta consiste nunha reclusión durante 40 días, 8 horas ao día, dos tres artistas xunto cun grupo de 15 voluntarios relacionados coa actividade artística, para desenvolver un programa de 30 exercicios a partir dunha mostra previamente inaugurada cunha semana de antelación. Por iso os tres artistas acudiron a este centro do campus de Pontevedra, para convidar e animar ao alumnado a participar na súa iniciativa como principais destinatarios da súa proposta. O propósito é mudar o dispositivo expositivo a partir da experiencia colectiva e traer á fronte as diferentes fases do proceso creativo. A exposición inaugurarase o 30 de xaneiro e a corentena discorrerá do 8 de febreiro ao 20 de marzo.

Facer visible e colectivo o privado e individual

O proxecto levaba tempo articulándose e, segundo explicaron os artistas, partiu directamente dunha proposta do director do MUSAC. Os tres tiñan previstas exposicións individuais nesta institución que non chegaron a callar, polo que Agustín Pérez Rubio lles propuxo desenvolver unha mostra conxunta a xeito de proceso de investigación. Aceptaron o desafío, como sinalou Badiola, “non só pola relación persoal que os une, senón pola relación fraguada no traballo á par na práctica da arte” e tamén “pola oportunidade de poñer en primeiro plano determinadas cuestións sobre a obra de arte obviadas tal e como se presenta habitualmente”. O obxectivo do PROFORMA é, nas palabras de Txomin Badiola, “prolongar o tempo de interlocución da obra co espectador alén do momento da inauguración” e facer visible e colectivo o traballo creador, que a maioría das veces é individual e privado.
Euba entende o proxecto como un laboratorio de coñecemento baseado na experiencia, sen unha meta final prefixada. Nel existirán diferentes planos de traballo. Ademais daquel que estará visible para o espectador día a día, falou de dous espazos paralelos: o Estudo PROFORMA, restrinxido ao público e reservado para debate interno dos participantes, o visionado de materiais, etc.; e o Módulo PROFORMA, unha estrutura espacial onde irá aparecendo o material documental de todos os exercicios propostos durante corentena.
Pola súa banda, Sergio Prego explicou que un dos obxectivos principais do proxecto é que “todos os implicados participen en todo, evitando unha especialización, xestionando sobre a marcha o conxunto e intentando superar os prexuízos”.

Compromiso total co exceso

O nome do proxecto fai alusión á concepción que os tres creadores teñen das súas pezas, en particular as que estarán incluídas na mostra, concibidas todas elas nun estado de pro-forma, é dicir, de constante resignificación tanto no proceso creativo como no perceptivo. Así mesmo, engadiu Jon Mikel Euba, “fai tamén alusión ao contrato proforma, aquel que fixa o compromiso entre as partes do absoluto cumprimento que require o seu desenvolvemento”. Neste sentido, Euba lembroulles aos asistentes a importancia do “total compromiso dos voluntarios co exceso do PROFORMA”, un exceso marcado tanto pola intensidade da duración do proxecto coma dos seus exercicios.
Este proceder suxestivo convenceu ao alumnado presente. Con todo, varios condicionantes suscitaron dúbidas. Un é a rigorosidade do compromiso. Así o ve Brenda Novas, que pensa que é unha experiencia pedagóxica interesante e unha maneira de aprender diferente á que se ten nas aulas, pero que non está ao alcance de todos comprometer un mes completo. Outro atranco son as condicións económicas. A Amaya González atráelle “o intercambio de información e o fluxo de traballo”, pero cre que as condicións son insuficientes para un estudante. O MUSAC faise cargo das comidas dos días correspondentes coa actividade e outorgará tres axudas para a manutención e o aloxamento ás persoas que xustifiquen unha falta de recursos. O prazo estará aberto ata o 12 de decembro e as bases poden consultarse na web do MUSAC.
Foi Ignacio Barcia, o decano do centro, quen introduciu os tres creadores e o seu proxecto, precisando que “están facendo unha rolda de presentacións polas facultades más próximas ao MUSAC, onde a de Pontevedra ten unha posición relevante, xunto ás de Salamanca e Bilbao”.