DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Concédelle un programa Erasmus Mundus financiado con máis de catro millóns de euros

A UE elixe á Universidade como nodo de coordinación da mobilidade entre Europa e o Norte de África

A iniciativa permitirá a formación e especialización de 185 persoas no ámbito das tecnoloxías verdes

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 31/07/2012
A piques de comezar agosto, mes non lectivo nas aulas universitarias, a Universidade de Vigo deu conta este martes dun novo éxito acadado no terreo internacional. A Unión Europea acaba de concederlle a esta institución a coordinación xeral dun programa Erasmus Mundus dotado cun orzamento superior aos catro millóns de euros e grazas ao cal durante catro anos 185 persoas, nas que se inclúen estudantes, investigadores e persoal de administración e servizos, se van a desprazar de Europa cara o Norte de África e do Norte de África cara Europa para formarse e intercambiar coñecementos no ámbito das tecnoloxías verdes.

“A Universidade de Vigo será a encargada de coordinar toda esa mobilidade, o que nos vai permitir ser referencia en universidades de moitos países tanto europeos como do Norte de África”, subliñou o reitor, Salustiano Mato, que resaltou tamén a importancia que ten para a Universidade de Vigo que a Unión Europea recoñecese o programa “un dos poucos que se aprobou como proxecto novo”, apuntou en referencia a que a maior parte dos proxectos concedidos, un total de 51 de 149 solicitudes, son renovacións de accións aprobadas noutras convocatorias “e só unhas poucas se incorporan agora a este selecto club”.

Na presentación da acción estivo acompañado por Manuel Fernández Iglesais, vicerreitor de Relacións Internacionais e Rebeca Díaz, profesora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e responsable académica do proxecto, que destacou a importancia de tratarse dun programa temático, “centrado no ámbito científico e tecnolóxico e coa capacidade de intentar axudar a conseguir o desenvolvemento social sostible, área de coñecemento na que se van centralizar todos os traballos”.

20 universidades e oito entidades asociadas na procura de tecnoloxías verdes

Vigo será pois a coordinadora dun consorcio no que están implicadas dez universidades europeas, outras dez no Norte de África e oito entidades asociadas que colaboran no proxecto, “institucións todas cun perfil tecnolóxico e científico moi forte”, subliñou Díaz, que achegou como exemplo os politécnicos de Milán, Hamburgo ou a Universidade Telecom SudParís. Precisamente o feito de estar centrado no ámbito científico e tecnolóxico é, a xuízo dos coordinadores, o principal matiz diferenciador dun programa que ten como obxectivo “intentar axudar a conseguir o desenvolvemento social sostible, área de coñecemento na que se van a mover todas as persoas que se despracen ao abeiro do programa”.

A consecución desta acción será tamén, a xuízo do vicerreitor de Relacións Internacionais, un excelente punto de partida de cara ao 2014, data na que se vai a redefinir o esquema tradicional de mobilidade de Europa coa posta en marcha do programa Erasmus For All, no que van a participar como socios de referencia aqueles países que poidan amosar experiencia real para acometer proxectos destas características. “ Vigo conta xa con moita experiencia en todo o que se refire a mobilidade, non en van é a Universidade galega que máis alumnado move no programa Erasmus e este proxecto ven agora a representar un paso máis”, engadiu Fernández Iglesias.

Diplomas interuniversitarios e internacionais

Entre as principais finalidades desta acción Erasmus Mundus está tamén o feito de fomentar o coñecemento que se xera nas universidades cara a outras entidades sociais e por iso o forte da mobilidade se vai centrar no alumnado de posgrado e nos investigadores. “De feito as oito empresas e entidades que colaboran no consorcio teñen un marcado interese en formentar que os investigadores, ben sexan estudantes de posgrao ou docentes, transfiran o Coñecemento que adquiren nos centros de estudo á sociedade”, subliñou Díaz.

A coordinadora académcia do proxecto insistiu tamén en que a consecución desta acción reforza o papel de Vigo como xestora de grandes proxectos docentes e axudará a definir escolas de posgrao e estudos de mestrado internacionais conxuntos entre os diferentes socios do consorcio, “de maneira que os nosos estudantes non só poidan continuar os seus estudos nesas outras entidades senón que incluso lles dará a posibilidade de ter diplomas múltiples interuniversitarios e internacionais”. Ademais, engadiu, que será tamén fundamental para axudar a desenvolver a colaboración interuniversitaria entre investigadores que poderán así concurrir de xeito conxunto a máis convocatorias internacionais.