DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa, abandeirado pola Universidade Lusófona de Lisboa, competiu con máis de 90 candidaturas

A UE potencia a innovación educativa a través dun proxecto participado por CCSS e da Comunicación

Juan Corbacho, Alberto Dafonte e Oswaldo García lidérano dende a Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 07/03/2012

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación faise presente no panorama internacional cun proxecto de innovación educativa. A Comisión Europea aprobou o programa de investigación CIAKL (Cinema and industry alliance of knowledge) liderado pola Universidade Lusófona de Lisboa en colaboración con outras catro universidades europeas entre as que se atopa a de Vigo. Tres investigadores da facultade pontevedresa, Juan Corbacho, Alberto Dafonte e Oswaldo García coordinarán dende a institución viguesa esta iniciativa pioneira escollida entre máis de 90 candidaturas que pretende adaptar a formación no eido cinematográfico á realidade profesional do sector. “Como profesores e investigadores este proxecto supón un reto moi ilusionante que pode desencadear nuns resultados moi positivos tanto para a titulación de Comunicación Audiovisual como para a facultade e o campus”, explica Corbacho, decano do centro.

Unha formación que conta coa visión da industria

CIAKL nace da man do Departamento de Cinema e Multimedia da Universidade Lusófona de Lisboa que buscou a colaboración de catro universidades de diferentes países europeos, a de Colónia (Alemaña), Talin (Estonia), Budapest (Hungría) e a de Vigo, e de empresas do sector da innovación tecnolóxica como AVID, ZON, CISCO e Novabase para “definir, en contacto coa industria, novas competencias necesarias nos estudantes de Comunicación Audiovisual e crear contidos didácticos comúns”, sinala Alberto Dafonte. Este programa de investigación portugués foi un dos tres proxectos seleccionados pola Comisión Europea que dota a cada un deles cunha subvención de máis de 700.000 euros. Como destaca Corbacho, CIAKL supón “un recoñecemento institucional para a facultade e para a Universidade que nos fai estar presentes no panorama europeo”.

Como destaca o profesor Oswaldo García, o mundo audiovisual e cinematográfico convive nun contexto tecnoloxicamente “moi cambiante” o que provoca que os plans de estudo “teñan problemas para adaptarse á rápida evolución do mercado”. Para actualizar os contidos, García sinala a necesidade de integrar a visión da industria no mundo universitario “co fin de equiparar os contidos das aulas ás demandas profesionais do momento”. De feito, unha das causas que levou á Comisión Europea a escoller CIAKL “foi a participación de empresas de relevancia e de grande envergadura moi coherentes co proxecto en si”.

Outra das grandes vantaxes deste programa formativo é o seu alcance internacional no que se definen competencias profesionais “válidas para un contexto europeo e non soamente para as necesidades concretas dun territorio”. Esta ensinanza común entre distintos países “favorece a internacionalización e a mobilidade de alumnado e profesorado entre as universidades, un dos piares de Boloña”, reflexionan os tres investigadores.

Vínculos anteriores

A Universidade Lusófona de Lisboa pensou na facultade pontevedresa para este proxecto xa que con anterioridade colaboraran en outras iniciativas, como no programa de intercambio de alumnado e profesorado. “Se non tivésemos vínculos anteriores moi probablemente non formaríamos parte deste proxecto. O impulsor de CIAKL coñecía persoalmente as nosas referencias grazas ás estadías de investigación Erasmus que fixemos nesta universidade portuguesa”, apunta Dafonte.

A primeira fase do proxecto xa botou a andar este 2012 co deseño da modalidade docente “ben como un módulo, unha materia ou teledocencia” e a concreción das competencias profesionais por parte das empresas participantes en CIAKL “para crear material didáctico que será compartido entre as cinco universidades”, declara o profesor Dafonte.