DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En colaboración coas universidades galegas

A UIMP pon en marcha unha nova convocatoria para a organización dos cursos de verán

Os solicitantes deberán presentar as súas propostas antes do cinco de febreiro

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 19/01/2010

A Universidade Internacional Menéndez Pelayo Galicia (UIMP), en colaboración coas universidades galegas, acaba de pór en marcha unha nova convocatoria para a organización dos cursos, talleres e encontros de verán que se celebrarán na nosa comunidade entre os vindeiros meses de xuño e setembro. Dende a institución convídase a académicos e profesionais nun determinado campo científico a optar á súa dirección, para o que é requisito indispensable posuír a titulación de doutor, licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou similar. Os aspirantes atopan nesta convocatoria a oportunidade de compartir as súas experiencias e coñecementos académicos co apoio dunha institución internacional con prestixio na realización de distintas actividades formativas.
Os cursos, que terán unha duración de entre dous e cinco días, desenvolveranse paralelamente nos centros de Pontevedra e A Coruña, repartidos nun 50% en cada unha das cidades. Ademais, a UIMP pretende que os cursos estean tamén dispoñibles nas ubicacións tradicionais dispostas en Monforte, Ortigueira, Ferrol, Vilagarcía e Aciveiro, sempre e cando as sedes non estean ocupadas coa celebración doutros cursos.
Os profesionais interesados en participar na proposta da institución internacional deberán presentar un proxecto no que debe constar o título do curso e a modalidade á que se opta, ademais de incluír unha breve descrición do seu contido. Ademais, deberán axuntar un programa lectivo que inclúa as conferencias, debates, foros e actividades complementarias, así como a duración prevista do curso, a súa ubicación na xeografía galega e as datas posibles de impartición.
A Comisión de Programación da UIMP, composta polo director da entidade en Galicia, Xose Luis Barreiro e polos representantes das Deputacións de A Coruña e Pontevedra, será a encargada de adxudicar a dirección dos cursos, tendo preferencia aqueles que ofrezan conxuntamente matrícula e aloxamento nun mesmo paquete. A Comisión tamén valorará as propostas que conten cun financiamento parcial ou total e que posúan unha elevada interese e rigor científico.

Diversidade na programación

Un total de 14 cursos conforman a programación académica ofrecida pola UIMP Galicia, que conta cunha ampla variedade nos seus contidos co fin de atender ás necesidades formativas dos participantes. Os cursos estarán estruturados en tres grupos segundo a súa temática. O primeiro deles contén cinco cursos correspondentes ás Ciencias Experimentais, Matemáticas, Medicina e Enxeñaría. A área das Ciencias Sociais e Xurídicas tamén estarán representadas noutros cinco cursos, xunto con Filosofía, Literatura e Historia. Finalmente, nun terceiro grupo atópanse catro talleres orientados a temas de actualidade e interese social susceptibles de ser tratados academicamente. Os solicitantes deberán incluír a súa proposta nalgún dos grupos especificados pola UIMP en función do campo de estudo no que se centre o proxecto, que poderá presentarse ata o vindeiro cinco de febreiro, data na que remata a recepción de solicitudes. Para calquera consulta, os interesados poden contactar co enderezo electrónico da universidade galicia@uimp.es ou no teléfono 981140790 en horario de mañá.