DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta mostra inaugura unha serie que convida a docentes da facultade a apropiarse deste espazo exposi

Última semana para ver as obras creadas "ex profeso" para a Sala X por sete artistas e profesoras de Belas Artes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
E.L. Castro DUVI 25/01/2010

Esta semana é a última para visitar a exposición Ex profeso 1, aberta na Sala X da Facultade de Belas Artes desde o 3 de decembro. Nela as profesoras Berta Cáccamo, Mar Caldas, Almudena Fernández, Silvia García, Yolanda Herranz, Mónica Ortuzar e Ana Soler foron convidadas polo comisario da galería, Xosé Manuel Buxán, para afrontar un único cometido, o de realizar pezas feitas especificamente para este espazo expositivo, de aí o título da mostra. É, polo tanto, a primeira exposición dun proxecto pensado desde a diversidade e na liña da arte site specific, que pretende animar aos docentes desta facultade a apropiarse do espazo expositivo do que é o seu lugar de traballo.
Nesta ocasión as creadoras adáptanse ao espazo e anegan as paredes, o chan e mesmo as fiestras, para, segundo o comisario, “paliar esa concepción que recaía sobre a sala de non convidar aos propios profesores da facultade”. Trátase, polo tanto, da primeira dunha serie de mostras nas que diferentes artistas e, á vez, docentes de Belas Artes ocuparán con obras específicas ou con adaptacións especiais de obras preexistentes este espazo expositivo do campus de Pontevedra. “Malia estar inserido no seu propio lugar de traballo, curiosamente en moitos dos casos, nunca expuxeran nel”, sinala Buxán ao que engade que “por iso se fixo Ex profeso 1, que dará paso a Ex profeso 2, 3...”.

Sete pezas que anegan as paredes, o chan e as fiestras

Unha das primeiras pezas que se ven ao entrar na sala é a de Mónica Ortuzar, unha revisión dunha obra maior feita para unha sala de Colonia. Composta por varios cabaletes de madeira con orellas modeladas con fimo fluorescente enriba e acompañados por dous autorretratos, recolle a parte racional e a instintiva da artista.
En fronte está a de Almudena Fernández, unha pintura na que a creadora buscou un vínculo con algún elemento do espazo, apropiándose dos planos de cor da porta da entrada e repetíndoos sobre a parede como un patrón.
Pola súa parte, Silvia García decidiu traer o seu arquivo persoal acumulado durante anos como estudante, profesora e investigadora na facultade. Acaba de rematar a tese e o que fixo foi tapiar unha fiestra con toda esa memoria documental.
A proposta de Berta Cáccamo aséntase na experimentación en base a unha serie de cadros que chama Verquidos, elaborada sobre a idea de trasladar a forma dunha mancha ampliada á parede.
Ana Soler leva anos traballando sobre a pegada daquelo que non somos capaces de percibir ou admitir e, neste caso, céntrase na prostitución como representación do desexo de poder de todo ser humano. A súa peza, titulada A orixe do mundo, reproduce a obra homónima de Courbet, trazada con coitelos sobre a parede do fondo da sala.
Completan a mostra unha obra de Yolanda Herranz, que escribe sobre o chan a proclama “y nunca jamás” seguindo unha orde ortogonal que remite ao infinito; e outra de Mar Caldas, que elabora unha nova orde da cartografía do mundo, convértea en alfombra e cóbrea de moedas de chocolate e papel de ouro.