DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impulsados pola UVigo e a Deputación de Pontevedra ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0

Últimas semanas para presentar candidaturas aos premios GirlGeekPower

Buscan as mellores estudantes das ramas de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Premios
  • Estudantes
DUVI 11/09/2023


Os premios GirlGeekPower, unha das iniciativas enmarcadas na Cátedra de Feminismos 4.0 que impulsan a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, mantén aberto o prazo de presentación de candidaturas ata final deste mes. Estes galardóns, que naceron en 2020, repartirán un total de 6000 euros entre as mellores estudantes das ramas de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura que cursan os seus estudos nos campus de Vigo e Pontevedra. O obxectivo é, como se recolle nas bases, “promocionar e incentivar os estudos STEM entre as mulleres, un campo onde hai unha infrarrepresentación feminina, pese á importancia estratéxica deste ámbito na nosa sociedade, o que pode redundar no incremento da fenda de xénero no futuro das novas xeracións. O premio valorará o mellor aproveitamento académico das candidatas, ademais da súa motivación explícita nos estudos STEM”. 

As candidaturas para esta edición poden presentarse ata o próximo 29 de setembro.

6000€ en dúas modalidades

Os premios GirlGeekPower teñen dúas modalidades, unha para alumnas das ramas de Ciencias e Ciencias da Saúde e outra para as de Enxeñaría e Arquitectura, as dúas cun premio de 2ooo euros e un accésit de 1000 euros. As candidatas deben estar matriculadas na Universidade de Vigo no curso 2023-24 en 60 créditos en titulacións de grao ou mestrado oficial nos campus de Pontevedra ou Vigo, ter superado un mínimo de 60 créditos e unha nota media igual ou superior a 7 nas titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura, ou 8 nas titulacións de Ciencias e Ciencias da Saúde.

Coa solicitude, que se realiza cumprimentado un formulario en liña, deberá incluírse unha carta de motivación detallando as razóns que as levaron a estudar no ámbito das STEM e unha reflexión persoal sobre a súa experiencia como mulleres nun eido tradicionalmente masculinizado. No caso de que a solicitante realizase estudos nunha universidade distinta á de Vigo, é necesario presentar a certificación académica dos estudos cursados.

A comisión de avaliación encargada de puntuar as candidaturas recibidas estará composta por Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade; Soledad Torres, profesora da UVigo; Lucía Muradas; xefa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra e Ana Isabel Amoedo, traballadora social adscrita ao Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra. A puntuación dependerá nun 80% da nota media do expediente en un 20% da carta de motivación.