DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Poderán presentarse ata o vindeiro 30 de outubro

Últimas semanas para solicitar as axudas á investigación en galego

Promovidas para incentivar o uso do idioma no eido da I+D+i

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Jessica Fdez. DUVI 14/10/2011
Co fin de fomentar o uso do galego nos proxectos de investigación no ámbito universitario, a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo convoca, un ano máis,as axudas á investigación en lingua galega destinadas ao estudantado que redacte e defenda a súa tese de doutoramento, tese de licenciatura, traballo de investigación tutelado de terceiro ciclo, traballo ou proxecto de fin de carreira ou traballo de fin de mestrado, no idioma propio.

Convocadas ao abeiro do convenio de colaboración vixente entre a Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo, as axudas son solicitadas cada ano por máis estudantes tal e como mostran os datos, pasando de 27 no ano 2009 a 40 en 2010. Neste último ano, dúas axudas foron destinadas para a realización de tese de doutoramento, 22 para proxectos fin de carreira e 16 para outros traballos de investigación, demostrando así o empuxe da iniciativa dentro da comunidade universitaria.

Contía das axudas

O obxecto destas axudas é cubrir os gastos xerados da impresión e encadernación dos traballos, cun máximo de 400 euros para as teses de doutoramento, incluíndo tamén a edición de 50 CD ou DVD, considerando unicamente aquelas que fosen revisadas lingüisticamente pola ANL antes da defensa, co fin de garantir a súa exactitude e adecuación aos requisitos estipulados. Para as teses de licenciatura, a axuda será de 150 euros, igual que para os traballos de investigación tutelados de terceiro ciclo e os traballos de fin de mestrado e, por último, 100 euros para os traballos ou proxectos de fin de carreira.

Solicitudes e prazos

As solicitudes para esta convocatoria deberán presentarse en calquera dos rexistros da Universidade de Vigo antes do 30 de outubro de 2011, sempre con posterioridade á lectura e defensa do traballo.

A resolución das axudas publicarase nun prazo de mes e medio como máximo, unha vez se comproba o cumprimento dos requisitos dos solicitantes. Dita resolución farase pública a través da páxina web da Área de Normalización Lingüística e nos taboleiros de información da Universidade.