DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está aberto á participación de estudantes, PAS e PDI

Últimos días para participar no Concurso de Iniciativas Saudables

É necesario presentar unha proposta para mellorar os hábitos de vida da comunidade universitaria

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 13/01/2012

Se es estudante, PAS ou PDI e tes unha idea para mellorar os hábitos de vida das persoas que estudan ou traballan no campus de Ourense, aínda estás a tempo de presentarte ao I Concurso de Iniciativas Saudables. Ata as 14.00 horas do luns 16 de xaneiro está aberto o prazo para participar en esta iniciativa de Campus ConVida, un proxecto transversal da Universidade de Vigo que aposta por crear, a través da investigación, a formación e a sensibilización, un entorno educativo que reforce e promova condutas e estilos de vida saudables entre a comunidade universitaria ourensá.

Ao concurso poderán presentarse traballos en formato escrito dun máximo de 5 páxinas ou en formato audiovisual cun tempo de duración máximo de 5 minutos. O proxecto debe achegar propostas innovadoras e realizables que axuden a sensibilizar e actúen na promoción de estilos de vida máis axeitados entre a comunidade universitaria. Terase en conta a orixinalidade e creatividade das propostas así como a concreción e viabilidade do proxecto (custe económico, utilización de recursos xa existentes ou vías de financiamento).

Un IPAD e un Netbook

O xurado do concurso, que estará formado por persoas designadas pola Comisión Ourense ConVida e que contará con especialistas na materia e membros da comunidade universitaria, elixirá un primeiro premio, dotado cun IPAD 2 de 16 GB e wifi, e un segundo premio dotado cun Netbook ASSUS de 10”. O xurado poderá, de así consideralo, conceder outras mencións especiais a traballos presentados, sen dotación e coa concesión dun diploma acreditativo.

“O obxectivo é sensibilizar aos mozos e mozas en calquera dos ámbitos que se relacionan cun estilo de vida máis ou menos positivo: actividade física e alimentación, consumo de alcohol, tabaco e outras drogas, conduta sexual, educación viaria, coidado do medio ambiente, etc”, salienta Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus. Nas propostas valorarase de xeito especial a viabilidade e orixinalidade das propostas así como que poidan ser levadas á práctica.