DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Últimos días para a preinscrición en 12 masters do campus

A oferta, de carácter multidisciplinar, comprende un total de 16 mestrados

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
DUVI 08/10/2010

As seis escolas e facultades do campus de Ourense ofrecen neste curso 2010-2011 formación de posgrao, compoñendo un abano multidisciplinar de 16 mestrados. Para os que aínda teñen prazas vacantes remata o prazo de preinscrición o vindeiro día 15 de outubro, dando paso a un período matrícula de cinco días, despois da publicación da listas provisionais e as reclamacións. Este prazo adicional comprende os 12 programas que aínda teñen prazas baleiras que, como explica a vicerreitora do campus, María Lameiras, “ofrecen a oportunidade de completar a formación das licenciaturas, diplomaturas e enxeñarías desenvolvendo competencias tanto profesionais, nos mestrados con este perfil, como investigadoras ou mesmo ambas en algúns casos”.

Así, contan con prazas para a preinscrición ata o día 15 os seguintes mestrados: Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria; Ciencias do Clima: Meteoroloxía, Oceanografía Física e Cambio Climático; Consultoría de Software Libre; Dereito Urbanístico e do Medio Ambiente; Dirección e Planificación do Turismo; Ecosistemas Terrestres, Uso Sostíbel e Implicacións Ambientais Fotónica e Tecnoloxías do Láser; Información Técnica do Medicamento; Nutrición e Sistemas Software Intelixentes e Adaptables. Ademais tamén está aberta a matrícula na modalidade de formación continua para os mestrados de Consultoría de Software Libre e Fotónica e Tecnoloxías do Láser.

Oferta multidisciplinar e ampla

A Facultade de Ciencias, con catro mestrados conta coa oferta máis ampla do campus ourensán. Nela os alumnos poderán especializarse en Nutrición, Ciencias e Tecnoloxía Agroalimentaria, Ecosistemas Terrestres, Uso Sustentable e Implicacións Ambientais e en Ciencias do Clima: Meteoroloxía, Oceanografía Física e Cambio Climático.

Pola súa banda, a Facultade de Ciencias da Educación imparte este curso tres programas de posgrao, un centrado na Intervención Interdisciplinaria na Diversidade en Contextos Escolares, outro que afonda nas Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivos e un terceiro de Investigación Psicosocioeducativa con Adolescentes en Contextos Escolares.

Outros tres centros do campus teñen unha oferta de dous másters. Na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo impartirase o de Creación, Dirección e Innovación na Empresa e o de Dirección e Planificación do Turismo. En Dereito a especialización de posgrao céntrase no Dereito Urbanístico e do Medio Ambiente e na Información Técnica do Medicamento, mentres que na ETS de Enxeñaría Informática a docencia comprende os mestrados de Consultoría de Software Libre e Sistemas de Software Intelixentes e Adaptables.

A oferta complétase co mestrado en Historia, Territorio e Recursos Patrimoniais da Facultade de Historia, o de Fotónica e Tecnoloxías do Láser da Facultade de Ciencias e o Máster para o profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas, que vén a substituír ao antigo CAP.