DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En total, 282 traballadores elixirán aos 13 representantes do Comité de Empresa

Últimos días para presentar candidaturas para as eleccións sindicais do PAS laboral

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 15/11/2011
Duvi | Vigo
O PAS laboral da provincia de Pontevedra está chamado ás urnas. O vindeiro 2 de decembro o Persoal Laboral de Administración e Servizos da Universidade de Vigo terá que elixir aos representantes sindicais que configurarán o Comité de Empresa. Tras a constitución das mesas electorais o pasado 3 de novembro, o luns 21 ás 12 horas remata o prazo para a presentación de candidaturas por parte dos sindicatos e das agrupacións de traballadores.

Tras as 24 horas que durará o período de reclamación, as listas definitivas proclamaranse o vindeiro 25 de novembro, momento no que comezará a campaña electoral. Sindicatos e agrupacións que se presenten para formar parte deste Comité de Empresa terán ata o día 30 de novembro as 00.00 horas para presentar o seu programa antes de dar paso á xornada de reflexión.

Tres colexios electorais

Nesta ocasión 282 traballadores terán que escoller aos 13 representantes do novo Comité de Empresa, catro deles no campo de Especialista e Non Cualificados e 9 no de técnico e administrativos. O PAS poderá facer efectivo o seu voto nos tres colexios electorais habilitados, un na sede universitaria en Torrecedeira, outro en Lagoas-Marcosende e outro no campus de Pontevedra.
O novo comité que se conforme terá por diante retos como a negociación da nova relación de postos de traballo do PAS laboral ou do terceiro convenio colectivo do sector. O actual Comité de Empresa de Pontevedra está formado por ata cinco organizacións sindicais e agrupamentos de electores, onde Comisiones Obreras acadou a maior representación con 6 membros, seguido de CIG (con 3), UGT (2), CSI-CSIF (1) e o Grupo Independente (1).