DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En relación coa Axenda 2030 e cos seus 17 ODS

Últimos días para presentar propostas para desenvolver proxectos de aprendizaxe-servizo o vindeiro curso académico

A convocatoria da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade péchase mañá venres

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cooperación
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI 29/06/2023

Un ano máis a Universidade de Vigo lanza unha convocatoria para o desenvolvemento de proxectos de aprendizaxe servizos no marco da Axenda 2030 e dos seus obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS). As propostas estarán vencelladas a materias das diferentes titulacións e desenvolveranse ao longo do curso académico 2023/2024. Na anterior convocatoria financiáronse a través desta iniciativa 21 proxectos nos tres campus da UVigo.

A Universidade de Vigo, lémbrase na convocatoria, “é unha institución responsable socialmente e como tal debe servir de axente activo para cumprir cos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030 aprobada polas Nacións Unidas”. Así, o Plan Estratéxico 2021/2026 da UVigo organízase arredor dos seus 17 ODS e a institución académica considera que a consecución destes obxectivos implica desenvolver un conxunto de capacidades que non se poden adquirir unicamente a través da formación teórica. Nesta liña de consideración, a aprendizaxe-servizo (ApS) é, tal e como recolle a convocatoria, “unha metodoloxía activa que consiste en que o alumnado aprenda facendo un servizo á comunidade e que adquira as competencias técnicas da titulación así como as xenéricas que teñen que ver co compromiso ético, a responsabilidade social ou o traballo en equipo”. Trátase, afírmase, dunha “metodoloxía adecuada, xa que o alumando que participa aprende mentres traballa en necesidades reais da contorna coa finalidade de mellorala”.  

Participación social comprometida

Os obxectivos que se marca esta convocatoria da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade, que cumpre a súa cuarta edición, son consolidar e fomentar o uso da metodoloxía aprendizaxe-servizo na Universidade de Vigo; recoñecer as iniciativas que a empreguen; potenciar a difusión das boas prácticas educativas baixo esta metodoloxía e ofrecer asesoramento na súa implantación. Tamén quere contribuír aos ODS da Axenda 2030 promovendo a participación social comprometida e corresponsable da comunidade universitaria, promover unha oferta de grao e de posgrao sostible que inclúa entre os seus contidos transversais a igualdade, o desenvolvemento sostible, o compromiso social e a inclusión e fomentar a participación e a colaboración da comunidade universitaria con entidades sociais.

As solicitudes presentaranse a través da sede electrónica da UVigo ata o 30 de xuño de 2023. A coordinación dos proxectos, tanto individuais como grupais, ten que ser desenvolvida por persoal docente investigador con carga docente no POD (plan de organización docente). O profesorado ten que estar vinculado coa materia ou materias no POD para as que presenta o proxecto. Ademais, poderán participar outros membros da comunidade universitaria e persoas pertencentes a entidades sociais, asociacións e institucións necesarias para desenvolver a iniciativa. As solicitudes serán revisadas por unha comisión integrada pola vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade; a directora da Área de Equidade e Diversidade e unha persoa designada polo Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación, valorándose aspectos como a necesidade social que aborda o proxecto; a contribución do servizo á adquisición das competencias da materia ou materiais; a planificación do proxecto educativo; a repercusión, difusión e comunicación do proxecto e a colaboración con axentes sociais, centros e outras institucións.