DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Contos_Eme pecha o prazo de recepción o día 30

Últimos días para presentar traballos aos concurso de relatos, fotografía e vídeo da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

En Enfoca.Rme e Curtametraxes Enerxéticas pódese participar ata o 7 de novembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cine
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 25/10/2022

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía ten aberto o prazo de presentación de traballos para os seus concurso de de relatos, fotografía e curtametraxes, tres iniciativas coas que a escola quere dar a coñecer as titulacións que se imparten no centro e as súas saídas profesionais así como fomentar as vocacións científicas por estas ramas.

Contos_EME

Por unha banda, ata o día 30 pódense presentar traballos ao certame Contos_EME 2022, un concurso de microrrelatos encadrado no marco do compromiso pola igualdade da escola. Esta é a primeira edición do concurso, co que a EEME se une á celebración do 1º Día Internacional da Muller na Minería. A participación está aberta tanto ao alumnado de grao e mestrado da UVigo como ao alumnado de Bacharelato e os textos deben comezar coa seguinte frase: “Cando ela nos dixo que ía estudar Enxeñaría na Escola de Minas e Enerxía...” tanto en galego como en castelán. Os textos deberán ter unha extensión mínima de 200 palabras e máxima de 300 e estar escritos con letra Arial 11 e entreliñado de 1 liña. A entrega de premios será na primeira semana de decembro do 2022 e outorgarase un premio por categoría que consistirá nun diploma acreditativo e 200 euros.

Enfoca.RME 2022

Enfoca.RME 2022 é un concurso de fotografía e vai dirixido ao público en xeral. A data límite de envío de fotografías é o 7 de novembro e a entrega de premios será tamén na primeira semana de decembro. Trátase de visibilizar a través de imaxes, tanto en branco e negro como en cor, as saídas profesionais das titulacións que se imparten no centro e que van dende a xeración, transformación, transporte e uso de enerxía, pasando polas enerxías renovables, a explotación de minerais e rocas, os túneles e obras subterráneas, a restauración de espazos mineiros, ou a avaliación de impacto ambiental, entre outros. Outorgarase un premio de 300€ e outro de 150€ na categoría sénior (maiores de 16 anos) e un premio de 150€ na categoría júnior.

Curtametraxes Enerxéticas

Finalmente, tamén está aberto o prazo de presentación de traballos para o certame de Curtametraxes Enerxéticas. Neste concurso, aberto ao público en xeral, poden concorrer pezas que aborden a temática enerxética, como o uso da enerxía no día a día, os procesos de xeración, transporte, distribución e uso da enerxía, as fontes e os recursos enerxéticos convencionais e renovables ou os problemas e retos aos que se enfronta a sociedade coa transición ecolóxica. As curtas deberán ter unha duración máxima de cinco minutos e entregaranse dous premios de 300€ e 150€.