DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mensaxe de estado

O próximo mércores día 26 de xaneiro o portal estará fóra de servizo entre as 08:30 e as 09:30 debido a unha intervención programada

O monopraza desenvolvido polo alumnado da Universidade rodou por Rosalía Castro

O UM18 enche o centro de Vigo co son da Fórmula Student

Esta temporada correu nos circuítos de Assen e Montmeló

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 10/09/2018

Co mérito de ser o primeiro monopraza na historia da escudaría universitaria que conseguiu completar todas as probas nunha carreira, o UM18 rodou este mediodía pola rúa Rosalía Castro, nunha exhibición pública na que estiveron presentes numerosos representantes das institucións e marcas que contribuíron o desenvolvemento do vehículo deseñado e construído por case unha trintena de estudantes da Universidade de Vigo, ao longo do pasado curso. Os case trinta alumnos e alumnas das escolas de Enxeñería Industrial, Minas e Enerxía e de Telecomunicación recibiron a homenaxe e o agradecemento do reitor da Universidade, do alcalde e do delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo polo traballo desenvolvido e o papel realizado este ano na Fórmula Student nos circuítos de Assen e Montmeló, os pasados meses de xullo e agosto, respectivamente.

En nome do equipo a súa team leader, María Couso, agradeceu o apoio de institucións e empresas patrocinadoras e manifestou a súa satisfacción polo papel desenvolvido, en especial en Cataluña, onde o vehículo foi quen de completar todas as probas “do que nos sentimos superorgullosos”, un mérito que fixo extensivo ao estudantado que traballou no desenvolvemento dos vehículos que antecederon o UM18. Couso avanzou que en breve comezarán o proceso de selección do novo equipo que se encargará do no novo monopraza, e asegurou que “ esperemos que o próximo ano poida haber aquí un coche que poida rodar por Vigo”, a única cidade onde, afirmou, “é posible facer un vehículo coma este”.

Pola súa banda, o reitor Manuel Reigosa, agradeceu o traballo desenvolvido polo alumnado, que asegurou “representa o que queremos que sexa a Universidade de Vigo: moderna e ao servizo da sociedade”. Mentres, o alcalde de Vigo, que comprometeu un ano máis a colaboración económica do Concello co proxecto, destacou o traballo o estudantado como a alma mater dun proxecto que “partindo de cero fixo posible crear un vehículo que competise cos mellores do mundo”, dixo Caballero.