DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reitores, directores de centros de investigación e clase política, ratificaron a excelencia do proxe

Unánime apoio de Galicia e o Norte de Portugal ao Campus do Mar

O Centro Social Caixanova encheuse nun acto de respaldo á iniciativa da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 16/09/2010

O Auditorio do Centro Social Caixanova foi durante hora e media o escenario no que se puxo de manifesto o unánime apoio acadado polo Campus do Mar entre os máis diversos sectores da sociedade galega e do Norte de Portugal. Nun acto no que se procedeu ao envío telemático do proxecto ao Ministerio de Educación, os reitores do SUG (Sistema Universitario de Galicia),os presidente do CSIC (Consejo Superior de Investigaciones Científicas) e o IEO (Instituto Español de Oceanografía), así como o alcalde de Vigo e o presidente da Xunta, destacaron os valores do proxecto elaborado pola Universidade de Vigo, ao tempo que manifestaron as súas expectativas sobre a súa designación como Campus de Excelencia Internacional.

“Nunca neste territorio fora posible acadar un nivel de agregación estratéxica de I+D semellante. Nunca antes para intentar proxectarnos xuntos ao mundo foramos quen de vencer localismos e fixarnos un rumbo común: o que nos leva á excelencia a través da xestión da intelixencia”, asegurou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, na súa intervención na que agradeceu o apoio acadado polo proxecto que segundo o reitor “evidencia que Galicia e o Norte de Portugal reclaman ao unísono a excelencia como unha fórmula vital para o progreso da humanidade”.

No transcurso do acto que contou coa asistencia dunha ampla representación dos sectores político, económico e social e que estivo amenizado pola música dos cantantes portugueses Dulce Pontes e Joao Afonso, a galega Uxía e o guitarrista brasileiro, Sergio Tannus, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse a Campus do Mar como “un exemplo de colaboración para todo o mundo universitario”. Pola súa banda o presidente do CSIC, Rafael Rodrigo, e o do IEO, Eduardo Balguerías, aseguraron que o proxecto “recolle todo o necesario para lograr a excelencia internacional”, mentres que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, referiuse ao Campus do Mar como un proxecto “gañador e integrador”.

Unha marea de apoios

Trala proxección dun vídeo e a primeira actuación conxunta de Dulce Pontes, Uxía, Joao Afonso e Sergio Tannus, o acto que foi retransmitido en directo pola segunda canle da TVG, comezou coa intervención do reitor da Universidade de Vigo. Salustiano Mato iniciou o seu discurso dando as grazas as persoas que traballaron e tamén ás que puxeron o proxecto en marcha, en especial “o meu antecesor no cargo, Alberto Gago, e o comisionado deste Campus do Mar, Emilio Fernández, de quen herdei esta gran nave que estou convencido chegará a bo porto”. Mato que tamén transmitiu o seu agradecemento a todos os socios e entidades implicadas no proxecto referiuse á colaboración acadada coas universidades do Norte de Portugal (Minho, Porto, Tras-os-Montes e Alto Douro e Aveiro) como “unha das grandes fortalezas do proxecto”.
O reitor lembrou que serán 3000 os investigadores e investigadoras procedentes de 23 institucións os que traballarán no Campus do Mar, “a maior agregación estratéxica de I+D de investigación mariña de España e unha das maiores de Europa”. En contraposición á dificultade que entraña a selección do proxecto como Campus de Excelencia Internacional e que o reitor recoñeceu, Mato, deixou patente a intención da Universidade de desenvolver o Campus do Mar . “Este esforzo non pode ser baleiro”, dixo Mato, “o Campus do Mar irá adiante, con independencia do resultado final que se acade nesta convocatoria. Por que? Porque todos estamos plenamente convencidos de que Galicia e o Norte de Portugal merecen un Campus do Mar”, dixo.

Os reitores das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e os presidentes do CSIC e o IEO foron os seguintes en tomar a palabra para poñer de manifesto o seu apoio ao proxecto. Como parceiros deste proxecto, os reitores das universidades de Santiago e A Coruña amosaron neste acto o seu convencemento da viabilidade do Campus do Mar como Campus de Excelencia Internacional.
Dende a experiencia da USC, que na pasada convocatoria acadou esta distinción para o seu Campus Vida, Juan Casares Long, defendeu a importancia deste tipo de iniciativas para “construír a universidade do século XXI e para iso o Sistema Universidade de Galicia aposta pola xeira da excelencia” e o traballo conxunto. Tamén o reitor de A Coruña, José María Barja, apostou polo traballo colaborativo que se plasma no Campus do Mar e expresou o seu “apoio sen reservas, porque é de xustiza” que o proxecto acade o recoñecemento do Ministerio, “porque está ben artellado, é rigoroso e está moi traballado; se alguén ten que contar cun Campus do Mar esa é Galicia e o Norte de Portugal".

Pola súa banda o director do IEO, Eduardo Balguerías, definiu o proxecto como un “exemplo de integración a partir do cal da respostas ás necesidades que ten e terá no futuro a investigación mariña". Dende o CSIC, o seu presidente, Rafael Rodrigo Montero, puxo en valor o traballo desenvolvido “nos últimos catro anos a prol desta iniciativa atlántica” que deu como resultado un “proxecto altamente competitivo, ambiciosos de calidade”. Para Rodrigo, exemplos como o do Campus do Mar “permitiranos legar ás novas xeracións os coñecementos necesarios que lles permita competir ao máis alto nivel internacional”.

Pero ademais de en persoa, os apoios chegáronlle ao Campus do Mar a través de dous vídeos que recollían as testemuñas de socios do proxecto, así como de representantes dos sectores sociais e económicos de Galicia. Así deportistas como Chano Rodríguez, Borja Oubiña ou Noemí Jordana; representantes da cultura como o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares ou o director de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado e mesmo dos medios de comunicación como o director do Servizos Informativos da Cadena SER, Rodolfo Irago e da economía como o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, sucedéronse sobre a pantalla de proxeccións para manifestar o seu respaldo ao proxecto. Outro tanto fixeron o reitor da Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro; Carlos Alberto Sequeira; ou os responsables do Instituto Oceanográfico de Vigo, Energylab, Tecnopeixe, Aclunaga ou o CESGA.

Envío telemático do proxecto ao Ministerio

Un dos momentos máis destacados do acto tivo lugar con motivo do envío telemático do proxecto ao Ministerio de Educación. Foi Javier, un futuro estudante da Universidade de Vigo, quen acompañado dos reitores das universidades galegas e dos presidentes do CSIC e do IEO realizou o envío do proxecto. “Gustaríame poder dicir dentro de 50 anos que o presente é diferente porque o mar falou, díxonos que quería o coidáramos, que o coñecésemos. Falou e o que é mellor, escoitámolo”, dixo Javier que finalizou a súa intervención asegurando que “dentro de 50 anos gustaríame dicir que hai 50 anos eu pedín un campus de excelencia internacional para o mar. E para o futuro”.

A clase política, tamén co Campus do Mar

Realizado o envío telemático do proxecto foi o alcalde de Vigo e o presidente da Xunta os encargados de pechar o acto con cadansúa intervención.
En nome da cidadanía viguesa, “comprometida co mar desde as súas orixes”, o alcalde, Abel Caballero, referiuse ao Campus do Mar coma un proxecto “impecable que está chamado a ser o referente mundial da innovación e a investigación mariña”, ao que engadiu que está perfectamente deseñado para aproveitar o inmenso bagaxe científico que a cidade atesoura neste ámbito.

Tamén dende o executivo galego, o presidente, Alberto Núñez Feijóo, subliñou o feito de que Vigo “xa é a capital do mar e agora merece tamén converterse na capital da investigación e a innovación mariña”, unha idea que completou coa afirmación de que en Galicia o mar non se ve como un límite, senón coma un camiño “que hoxe resume boa parte do noso desenvolvemento económico e social”.

Unha vez no Ministerio de Educación, unha comisión internacional de expertos encargarase de avaliar o proxecto e, en outubro, farase pública a súa resolución final. Previamente o día 19 de terá lugar unha xornada pública de presentación na que participarán todos os proxectos seleccionados que optan á cualificación de Campus de Excelencia Internacional

Discurso do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato (51.43 Kb)