DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Viaxou a Bolivia xunto a outros cinco expertos internacionais

A UNESCO bota man do profesor Enrique Orche para tentar salvar o Cerro Rico de Potosí

Fan fincapé en que é unha cidade cun grande atractivo turístico que non se está explotando

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
J. Fernández / D. Besadío DUVI 14/07/2011
Os afundimentos que se están producindo no Cerro Rico de Potosí, un dos xacementos mineiros máis importantes de Bolivia, como consecuencia dunha explotación inadecuada e insostible, está poñendo en perigo a súa catalogación como Patrimonio Natural e Cultural da Humanidade, un título que lle fora outorgado en 1987. Co fin de achegar ideas e buscar unha solución a esta situación, a UNESCO formou unha comisión de seis profesionais de diferentes partes do mundo entre os que se atopa o catedrático da ETS de Enxeñaría de Minas Enrique Orche, apaixonado da minería colonial e profesor de longa traxectoria na participación en distintos proxectos de contido social.

Tras regresar da súa viaxe a Bolivia, o profesor explica no Duvi a súa participación nesta misión internacional que nace co obxectivo de salvar esta emblemática mina colonial da que saíu gran parte da prata remitida a España e que aínda sigue proporcionando xenerosamente os seus minerais de prata, escano e cobre.

Como lle describiría o Cerro Rico de Potosí a unha persoa que nunca oíu falar deste lugar?
O Cerro Rico é unha mina de prata que se leva explotando dende 1545, sendo o lugar de onde saíu gran parte da prata que chegou a España na época colonial. O Cerro atópase na cidade de Potosí, unha das grandes urbes de América no século XVII, cando alcanzou os 160.000 habitantes, a pesar de ser un lugar árido, seco e desolado. A importancia de Potosí e da súa prata reflíctese en que chegou a cambiar, xunto coa prata procedente de México, a orde económica europea e mundial xa que as moedas acuñadas con este mineral tiñan circulación internacional. Hoxe en día segue sendo un lugar emblemático, Patrimonio Natural e Cultural da Humanidade, título que está en perigo se non se logra mellorar a situación actual do Cerro.

E desa situación inicial de esplendor, como se chegou aos problemas que ten o Cerro na actualidade?
No Cerro Rico sempre houbo moita actividade mineira baseada na extracción de prata e cinc pero, tras a nacionalización da minería, comezaron a acudir á mina os pequenos mineiros pertencentes a grupos sociais moi pobres, que facían unha explotación rudimentaria, pouco tecnificada e en condicións de seguridade mínimas ou inexistentes. Isto comezou a ser un problema xa que o número de mineiros foi en aumento, sendo hoxe uns 15.000 os que explotan a mina a un ritmo insostible, o que fai que se produzan afundimentos na mina como o que sucedeu na cúspide, onde hai un cráter de 20 metros de anchura e 50 metros de profundidade.

Ante esta situación, que alternativas existen para mellorar as condicións deste lugar?
Para evitar o empeoramento da situación actual da mina de Potosí, a Unesco, baixo a petición do goberno boliviano, conformou un equipo de traballo de seis profesionais para que valorásemos a situación actual e elaborásemos un informe con alternativas posibles que permitan ao Cerro manter o título Patrimonio Natural e Cultural da Humanidade. Buscar unha solución implica que o Cerro se conserve e isto, a súa vez, implica actuar sobre a minería nunha situación social complicada.

Cales son as alternativas que se barallaron no informe que elaboraron para a UNESCO?
Tendo en conta tanto a situación do Cerro como a situación social, definimos dúas alternativas. Dunha banda, consideramos que se pode pechar o traballo na mina e deixala tal e como se atopa na actualidade ou, doutra banda, restaurar o Cerro e deixar que os mineiros sigan traballando de forma sostible e en mellores condicións de seguridade, cumprindo a lexislación existente para manter unha explotación sostible.
Tamén é certo que Potosí é unha cidade cun grande atractivo turístico que non se está explotando: varias igrexas coloniais, o maior edificio civil construído por España en Sudamérica, a Casa da Moeda e incluso un museo mineiro ou embalses artificiais, pero tan só reciben uns 50.000 turistas ao ano. Nesta actividade pódese encontrar unha alternativa á minería, tal e como reflectimos no informe.

Que supuxo para vostede formar parte desta comisión?
Ter agora a oportunidade, tras 500 anos de historia, de facer un estudo do Cerro Rico de Potosí e botar unha man para que esta mina que foi tan emblemática poida estar nunha mellor situación, é unha especie de satisfacción moral moi grande polo que espero que entre todos e coas medidas estipuladas no informe, logremos que o Cerro Rico manteña o título de Patrimonio Natural e Cultural da Humanidade.