DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun encontro da Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial

A UNESCO pon ao Proxecto Ronsel como exemplo a seguir na preservación do patrimonio cultural inmaterial para varios países mediterráneos

Exipto, Libia, Xordania e Siria coñeceron en París o proxecto galego

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 29/05/2009

Exipto, Xordania, Libia e Siria, poderían tomar como referencia para a salvagarda do seu patrimonio cultural inmaterial ao Proxecto Ronsel, unha iniciativa que desde hai dous anos traballa na investigación, promoción, protección e difusión do patrimonio cultural inmaterial galego. O Proxecto Ronsel, froito da colaboración entre a Xunta e as tres universidades galegas e coordinado pola Universidade de Vigo, foi unha das catro iniciativas que a Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO, elixiu para que aos países que están integrados no proxecto MedLiher: Exipto, Xordania, Libia e Siria, coñezan accións que lles poidan servir de guía na preservación do seu patrimonio inmaterial. “Co financiamento da UNESCO, os catro países que forman parte do proxecto MedLiher, poden traballar na salvagarda dunha parte do seu patrimonio”, explica Pablo Carpintero, técnico do proxecto Ronsel que participou na exposición da iniciativa galega no encontro celebrado pola UNESCO en París.
Unha invitación que o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area, considera “unha honra, e unha gran oportunidade para dar a coñecer o noso traballo sobre a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial galego”. Unha posta en común na que participaron representantes da UNESCO, ademais de Exipto, Xordania, Libia e Siria, e na que tamén se presentaron outros proxectos de salvagarda como o da Casa da Música de París que ten a finalidade de levar a actuar á capital gala a portadores, así como un portal web inglés que inclúe diferentes manifestacións do seu patrimonio. “Eran proxectos máis sinxelos que o Ronsel”, sinala Pablo Carpintero “no sentido de que non abranguían tanto, nin estaban tan estruturados. Hai que lembrar que xa fomos felicitados moitas veces por sen quen de realmente integrar todos os puntos de vista da Convención e non un só proxecto”.

O abandono do rural, un problema común

Contrariamente ao que poida parecer, a salvagarda do patrimonio en lugares tan distantes como Galicia e estes países do Mediterráneo que forman parte do proxecto MedLiher ten, segundo Pablo Carpintero, puntos en común. “Galicia é un país en vías de desenvolmento que actualmente está abandonando o rural para ir ás cidades, unha situación que se vive nestes países que teñen unha poboación fortemente rural. É o caso por exemplo dos beduínos do Líbano que viven aínda a súa vida tradicional pero empezan a abandonala e marchar para as cidades, polo que ese patrimonio necesita ser protexido”, apunta Carpintero.
Tanto Iván Area como Pablo Carpintero inciden na importancia de reforzar as iniciativas que teñen como finalidade manter o proceso de transmisión vivo e que non se perdan as expresións que forman parte do patrimonio cultural inmaterial. Un traballo que co respaldo das universidades, como é no caso de Ronsel, “permítelle dar un enfoque científico aos aspectos que teñen que ver co noso patrimonio”, destaca Area que tamén incide na importancia “da posta en común de proxectos para afrontar o futuro”.

Accións para apontoar un cambio de mentalidade

Pablo Carpintero que compara o patrimonio inmaterial cun río “que corre e nunca para, que evoluciona continuamente”, destaca entre as accións que está a desenvolver o proxecto Ronsel, o seu portal, “ unha ferramenta que emprega a globalización, que é un dos problemas que teñen os patrimonios, pero que neste caso sérvenos para protexelo”.
Pola súa banda o vicerreitor de Relacións Institucionais, destaca o traballo que o proxecto está a desenvolver na actualidade coa elaboración de dous volumes tetralingües sobre instrumentos tradicionais e oficios, “e unha gran monografía sobre os instrumentos tradicionais, que podería ser unha das obras de referencia durante moitos anos no panorama musicolóxico galego”.
Accións que permitirán apontoar un cambio de mentalidade na relación que os galegos e as galegas teñen respecto do seu patrimonio cultural inmaterial que segundo Pablo Carpintero “nos últimos trinta anos deu un xiro total. Pasouse desprezar o noso patrimonio a que agora a xente aprecie moito máis esas cuestións”, destaca. Unha percepción na que coincide Iván Area que sinala ás mostras de patrimonio celebradas nos dous últimos anos en Pontevedra e Ourense, “como unha proba do recoñecemento que a cidadanía ten cara ao seu patrimonio”, un feito especialmente importante se se ten en conta que fronte a un patrimonio ata hai ben pouco monopolizado por unha idea de bens monumentais ou artísticos accesibles mediante intermediarios autorizados, o xiro inmaterial establece que cadaquén participa na construción dese legado e que os seus creadores e intérpretes medran co intercambio e a transmisión.