DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O resultado das votacións sumou 41 votos en contra e 28 a favor da proposta de José María Cancela

A única candidatura ás eleccións á decano en CC da Educación non acada o apoio preciso

Agora será o reitor quen elixa un decano en funcións e fixe o prazo para uns novos comicios

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Esmeralda L. Castro DUVI 21/04/2010

A única candidatura ás eleccións a decano na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, a presentada polo profesor José María Cancela, actual decano do centro, non acadou os apoios necesarios na votación realizada onte. A normativa vixente establece que cando hai un só candidato este ten que obter no escrutinio final un número maior de votos a favor que en contra para ser elixido. O resultado final deste proceso electoral, iniciado o pasado 17 de marzo, saldouse con 41 votos en contra, 28 a favor e 8 en branco, segundo os datos achegados pola presidenta da xunta electoral, a profesora Mª Ángeles Parrilla, polo que Cancela non renovará o cargo. A acta da sesión foi elevada ao reitor e, deste xeito, será Alberto Gago quen dite unha resolución. Con base no procedemento habitual nestes casos, o reitor nomeará un decano en funcións co obxectivo de convocar unhas novas eleccións nun período de tempo determinado.
Na candidatura presentada por José María Cancela figuraban María Jesús Herrera Ruíz como secretaria da facultade, Alfonso Gutiérrez Santiago como vicedecano de Infraestruturas e Organización Docente, Óscar García García como vicedecano de Converxencia Europea e Relacións Institucionais e Leonardo Fuentes Blanco como vicedecano de Practicum, todos eles profesores adscritos ao centro.