DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación das propostas está aberto ata o 16 deste mes de febreiro

A Unidade de Igualdade ofrece axudas de ata 2000€ para organizar actividades de sensibilización en materia de xénero

Como conferencias, xornadas, exposicións ou ciclos de cine

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 07/02/2022

A defensa da plena igualdade de trato e de oportunidade entre homes e mulleres é un valor propio da Universidade de Vigo e un dos piares sobre o que se asenta o Plan Estratéxico 2021-2026. En liña con esta sensibilidade son moitas as ferramentas, recursos e axudas que, principalmente dende a Unidade de Igualdade, se poñen a disposición da comunidade universitaria. Unha delas son as axudas para a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios. A convocatoria para este 2022 acaba de abrirse e as e os interesados en concorrer a estas axudas poden presentar as súas propostas ata o 16 deste mes de febreiro.

En total, a Unidade de Igualdade destina 9000 euros a financiar a organización de conferencias, xornadas, exposicións ou outras actividades que se promovan desde calquera instancia da Universidade de Vigo que teñan como finalidade contribuír á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios e estean dirixidas fundamentalmente á propia comunidade universitaria ou á sociedade en xeral. 

2000€ como límite máximo para cada actividade

As actividades paras as que se solicite a axuda terán o 14 de novembro 2022 como data límite de realización. Os gastos subvencionables solicitados poderán cubrir conferencias, disertacións, xornadas ou actividades de calquera tipo que impliques un impacto positivo na comunidade universitaria e na sociedade en xeral, como exposicións, ciclos de cine, obradoiros, ligas de debate, etc. que poden desenvolverse tanto nas instalacións da UVigo como fóra delas. En calquera caso, ningunha solicitude poderá acadar unha axuda superior a 2000 euros e os gastos non poderán contemplar en ningún caso retribucións de persoal vencellado estatutaria ou contractualmente á Universidade de Vigo, gastos protocolarios nin gastos de publicidade.

Será unha comisión avaliadora, formada por Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade e os profesores Almudena Fernández Fariña e Xosé Manuel Pacho Blanco, a encargada de valorar as propostas presentadas atendendo a criterios como a adecuación aos obxectivos da convocatoria, a calidade, a viabilidade, a experiencia en xénero e organizativa de quen solicita a subvención ou a adecuación dos recursos financeiros previstos aos obxectivos que se propoñen. 

11 actividades subvencionadas na pasada edición

A convocatoria destas axudas correspondente ao ano 2021 subvencionou 11 actividades e accións ata completar os 9000€ que tiña como dotación global. Por exemplo, acadaron unha axuda de 1400€ a exposición Cando as mulleres chegaron ao espazo ou unha xornada sobre a administración pública fronte os nesgos de xénero na intelixencia artificial, así como achegas de 1200 para a feira eXXperimenta en feminino e de 1100€ para o ciclo de conferencias sobre a relación entre o sexo, o xénero e as enfermidades. Outras propostas que tamén acadaron financiamento foron Dereito e dereitos. O xénero a debate; a exposición Mulleres do mar, mulleres no mar; o obradoiro de regueifa feminista e improvisación oral; o ciclo de cine feminista; o proxecto Sumando nomes femininos á historia da ciencia dende o CIM e a xornada sobre a aplicación da lexítima defensa en casos de maltrato á muller.