DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co gallo do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres

A Unidade de Igualdade organiza un curso de formación en xénero para a comunidade universitaria

Baixo o nome de Re-Xenérate búscase identificar “violencias sutís moitas veces case imperceptibles”

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 31/10/2011

A Universidade é un reflexo da sociedade na que se reproducen os mesmos paradigmas e estereotipos sociais e culturais e a desigualdade de xénero non é allea á comunidade universitaria. Consciente da necesidade de formación neste eido, a Unidade de Igualdade pon en marcha esta semana un curso sobre xénero e violencia machista que, baixo o nome de Re-Xenérate, amosará tanto ao alumnado como a PAS e PDI, a identificar “violencias moi sutís e moitas veces case imperceptibles”, explica Anabel G. Penín, directora desta unidade. O obxectivo é “provocar reflexión e o coñecemento interno e social do xénero, xa que a violencia sobre a muller non escapa a ningún estrato social nin cultural”, puntualiza.

O curso, de 30 horas de duración, bota a andar este mércores día 2 de novembro coa matrícula totalmente cuberta e desenvolverase todos os mércores e o último luns deste mes. Conta coa colaboración da Rede de mulleres veciñais contra os malos tratos e será impartido pola psicóloga clínica Carmen Clavería e por Rosa Fontaína e Raquel Doval, coordinadora e técnica respectivamente, da rede.

Esta actividade, que tivo un precedente no pasado curso coa celebración dun obradoiro de 4 horas dentro da campaña Camiños ao bo trato, organízase co gallo da celebración o vindeiro 25 de novembro do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Ao longo das seis sesións que dura o curso, estas tres expertas afondarán en temas como a interiorización dos roles de xénero, a detección de factores de risco na mocidade, o movemento asociativo ante a violencia de xénero, a identidade de xénero, a historia dos feminismos e as desigualdades actuais, as consecuencias da violencia de xénero na saúde e benestar, a prevención no ámbito persoal e social e mesmo un módulo que ofrecerá unha análise da desigualdade a través de música e das letras de determinadas cancións.

Na procura de igualdade real na Universidade

Explica a directora da Unidade de Igualdade que na Universidade “dispoñemos xa de instrumentos normativos para unha igualdade formal pero debemos desenvolver os medios necesarios para lograr unha igualdade real de oportunidades”. Para este fin entende que son fundamentais este tipo de actividades que permiten visibilizar as desigualdades existentes “que son moitas veces descoñecidas e identificar as causas que as producen para poder atallalas” apunta.

Aínda que para a Universidade de Vigo esta é unha prioridade, é preciso establecer medidas dirixidas a unha auténtica conciliación da vida persoal e laboral e de corresponsabilidade na vida doméstica e familiar “que axudarán moito a que as mulleres poidan desenvolver a súa carreira profesional con menos dificultades e se comprometan máis con tarefas de representación política e de goberno”, conclúe Penín.