DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comprende un total de 23 cursos que se impartirán en liña entre outubro e novembro

A Unidade de Igualdade pon en marcha unha nova edición do Itinerario Virtual de Formación en Xénero

A novidade é un módulo sobre a nova normativa de xénero e a coñecida como 'Lei do só si é si'

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cursos
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI 22/09/2023

Cun módulo sobre a nova coñecida como Lei do só si é si como principal novidade, entre os meses de outubro e novembro desenvolverase unha nova edición do Itinerario Virtual de Formación en Xénero que organiza a Unidade de Igualdade. O programa comprende un total de 23 cursos intensivos sobre diferentes temáticas relacionadas co feminismo, a perspectiva de xénero e a loita contra os machismos en eidos como a ciencia, a docencia ou as políticas públicas. O prazo de inscrición para calquera dos módulos abrirase entre o 2 e o 15 de outubro e a docencia impartirase, de xeito totalmente virtual, durante as seguintes cinco semanas. Ademais de ampliar o catálogo de cursos, esta oitava edición ten como novidade o recoñecemento de créditos ECTS en función da duración dos cursos, e as persoas que os realicen obterán ademais unha insignia dixital Eu teño formación en igualdade. En total, o curso pasado entre todos os módulos do itinerario rexistráronse preto de 1100 matrículas.

Cinco bloques temáticos e unha novidade

Respecto da anterior edición do Itinerario Virtual de Formación en Xénero, incorpórase un novo curso, que impartirá a profesora da Universidade de Vigo Marta García Mosquera, que se centrará en analizar os contidos, impacto e aplicación da Lei Orgánica 20/2022 de Garantía Integral da Liberdade Sexual, coñecida como Lei do só si é si, así como da Lei 4/2023 para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI.
 
Con esta novidade, o catálogo pasa a estar formado por 23 cursos repartidos en cinco bloques temáticos. O primeiro, de introdución á formación en xénero, inclúe os cursos Inclusión da perspectiva de xénero na docencia universitaria; Introdución á perspectiva de xénero; Economía de xénero; A comunicación e o xénero e A perspectiva de xénero na educación. O segundo módulo, sobre educación sexo-afectiva, comprende un curso co mesmo título e outro titulado Pensar o amor no século XXI. Un terceiro módulo centrase en ciencia, tecnoloxía e xénero, e inclúe un curso sobre a dimensión de xénero nos proxectos I+D+I das TIC; outro sobre mulleres e ciencia; un sobre a inclusión da perspectiva e a análise de xénero/sexo na investigación e a innovación e, finalmente outro sobre intelixencia artificial e xénero. O cuarto módulo céntrase nas políticas de igualdade e comprende catro formacións. A primeira, sobre a normativa básica de xénero; a segunda sobre acoso sexual e acoso en función do sexo; outro curso sobre conciliación e corresponsabilidade e un último sobre políticas públicas de igualdade. O catálogo complétase cun módulo sobre novas reflexións sobre o sexo/xénero, que comprende un curso sobre xénero e sexo no século XXI; un sobre novas masculinidades; outro sobre a deconstrución do discurso prehistórico dende o feminismo; un cuarto sobre a pornografía e finalmente outro sobre a prostitución no marco do capitalismo neoliberal. Ademais, fóra destes bloques temáticos ,hai que engadir outros dous cursos, que se ofertan por segunda vez: un titulado Tres pensadoras na historia da teoría feminista, que achegará as persoas asistentes ás figuras de Mary Wollstonecraft, Betty Friedman e Shulamith Firestone e outro sobre o machismo dixital e manosfera.