DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As propostas poderán presentarse ata o 23 de febreiro

A Unidade de Igualdade subvenciona con 18.000€ as actividades docentes e de sensibilización en materia de xénero

A través de dúas convocatorias, que establecen un límite de 2000 para cada iniciativa

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI 19/02/2024

Na súa aposta por facer da Universidade de Vigo unha institución totalmente igualitaria e por fomentar actividades que promovan a perspectiva de xénero, a Unidade de Igualdade abriu unha nova edición das convocatorias de axudas para, por unha banda, a organización de actividades docentes que promovan a perspectiva de xénero e, por outra, para a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios. En total, estas dúas liñas de financiamento teñen un orzamento de 18.000€, 9000€ para cada convocatoria.

As axudas poden solicitarse ata o 23 de febreiro e comprenden conferencias, xornadas, obradoiros, seminarios, ligas de debate ou exposicións. Cada unha das propostas pode acadar un financiamento de ata 2000 euros e as actividade seleccionadas deberán ter lugar antes do 8 de novembro de 2024.

Axudas para a organización de actividades docentes

As axudas para a organización de actividades docentes buscan impulsar a organización de iniciativas formativas que promovan a perspectiva de xénero e que estean dirixidas fundamentalmente ao alumnado da Universidade de Vigo de calquera área de coñecemento. A finalidade é incorporar a transversalidade de xénero á práctica académica con contidos que impulsen a transmisión de valores igualitarios para a adquisición de competencias profesionais e o desenvolvemento persoal. Poderá presentarse á convocatoria calquera membro do PDI con docencia asignada no Plan de Ordenación Docente. En total, esta convocatoria conta cun orzamento de 9000€ que se destinarán a financiar dende conferencias ata xornadas pasando por activades ou accións que impliquen un impacto positivo no alumnado de cara á promoción de valores igualitarios tales como obradoiros, seminarios, ligas de debate, exposicións, ciclos de cine, representacións teatrais, concursos ou obradoiros de lectura. En calquera caso, ningunha solicitude poderá acadar unha axuda superior a 2000 euros. 

Convocatoria para actividades de sensibilización

A outra convocatoria aberta pola Unidade de Igualdade está destinada a financiar actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios. Así, esta liña de axudas comprende, por exemplo, a organización de conferencias, xornadas, exposicións ou outras actividades que se promovan desde calquera instancia da Universidade de Vigo e estean dirixidas fundamentalmente tanto á propia comunidade universitaria como á sociedade en xeral.

Poderá solicitar estas axudas calquera membro da comunidade universitaria que poña en marcha algunha destas actividades. O orzamento total desta convocatoria é de 9000 euros e as axudas servirán para subvencionar gastos de viaxe, pagamento de conferencias, traslado de obras artísticas, aluguer de equipamentos de son, dereitos de exhibición, etc. Ningunha solicitude poderá acadar unha axuda superior a 2000 euros.