DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por Juan José Crespo, especialista en Medicina Deportiva e responsable da Unidade Médica da Universi

A Unidade de Medicina Deportiva do Servizo de Deportes e a prevención da morte súbita (MS) cardiaca en deportistas

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 22/11/2010
Recentemente producíronse dous episodios de morte súbita (MS) en practicantes de fútbol e fútbol-sala. Ante as noticias e opinións aparecidas nos medios de comunicación sobre estes e outros casos de MS, o doutor Juan José Crespo, da Unidade Médica do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo fai paa o Duvi algunhas aclaracións para informar e tranquilizar á comunidade deportiva universitaria.

1ª.-O sedentarismo ou inactividade física está entre as dez causas máis importantes de mortalidade no mundo (WHO/OMS, 2002). Os beneficios para a saúde da actividade física/exercicio, sobre todo a de intensidade moderada, como camiñar, jogging, bicicleta, nadar, están perfectamente demostrados e consensuados pola comunidade científica (Blair y Morris -Ann Epidemiol. 2009-, Blair -Br J Sports Med, 2009-, Bassuk –J Appl Physiol, 2005-, e Sigal -Diabetes Care, 2004-; e así a propia OMS e outros organismos (Asociación Americana do Corazón –AHA-, Colexio Americano de Medicina Deportiva–ACSM-; Sociedade Española de Cardioloxía –SEC- etc), recomendan como medida crucial en saúde pública a loita contra o sedentarismo e o fomento da actividade física na poboación.

2ª.-A MS cardíaca é máis frecuente en sedentarios que en persoas que realizan actividade física e é máis frecuente nos que realizan deporte intenso ocasional que nos que o practican de xeito regular.

3ª.-O exercicio físico intenso, e sobretodo o deporte competitivo, presentan efectos beneficiosos para a saúde pero non están exentos de riscos, como a maioría de actividades humanas. Os máis frecuentes no ámbito deportivo son as lesións a nivel do aparello locomotor: esguinces, tendinites, fracturas, etc. A presentación de eventos cardiovasculares graves como a MS cardíaca ainda sendo moi alarmantes é excepcionalmente rara. Así, en persoas menores de 35 anos ténse cifrado en 1/200.000/ano, mentras que nos maiores de 35 anos estímase que é de 1/18.000/ano.

4ª.-A pesar da baixa prevalencia deste cadro de MS cardíaca, as consecuencias de tan nefasto acontecimento obrigan a tomar en consideración todas as medidas necesarias para a sua prevención. A causa da MS es só parcialmente coñecida. A maioría das MS en deportistas son de orixe cardiovascular. En menores de 35 anos, provocada fundamentalmente por enfermidades cardíacas estructurais non sospeitadas (miocardiopatías sobretodo) de orixe xenético. En maiores de 35 anos, pola enfermidade ateromatosa coronaria (infarto de miocardio fundamentalmente) relacionada cos factores de risco cardiovascular máis coñecidos (tabaquismo, sobrepeso, dislipemia, hipertensión).

5ª.-No Servizo de Deportes da Universidade de Vigo levamos dous anos utilizando Cuestionarios de screening (cribado) cardiovascular aos usuarios e usuarias do Servizo. Realizamos, nos tres campus, revisións médicas con Electrocardiograma (con ou sen Proba de Esforzo segundo os casos) ás usuarias e usuarios do programa Pontenforma, seguindo os criterios do ACSM/AHA (1995), de FEMEDE (1999), da SEC (2000), e da Comisión médica do Comité Olímpico Internacional (COI,2004). Estas consultas están dispoñibles para calquera universitario/a que o solicite, e mentras os tests xenéticos no sexan máis precisos e xeneralizables, existe consenso científico de que este é o xeito máis eficiente para detectar ás persoas con risco de padecer MS cardíaca.

6ª.-Cando xa se produce o episodio de MS cardíaca é moi importante dispoñer, a menos de 4 minutos, de persoal entrenado en reanimación cardiopulmonar con desfibriladores semiautomáticos (DEAs) para así poder revertir a arritmia grave (fibrilación ventricular) que acompaña á morte súbita nun 80% dos casos. Os pavillóns deportivos da Universidade de Vigo nos tres Campus contan co persoal e o material necesario (DEAs) para poder revertir un evento grave destas características.