DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 50 estudantes colaboraron cun evento que reuniu preto de 4000 deportistas

As unidades de voluntariado de Fisioterapia asistiron a máis de 400 participantes no Mundial Multisport

Nunha colaboración que comprendeu cinco dos días da competición

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 06/05/2019

O pasado sábado, Pontevedra celebraba a clausura do Campionato do Mundo Multisport da International Triathlon Union (ITU), que entre o 27 de abril o 4 de maio reuniu na cidade preto de 4000 deportistas e que supuxo así mesmo unha oportunidade para entrar en contacto con casos clínicos reais para preto de 50 alumnos e alumnas da Facultade de Fisioterapia, que participaron nas unidades de voluntariado coas que o centro colaborou co evento. Na que foi a colaboración cunha competición deportiva que reuniu un maior número de estudantes, polo posto co que a facultade contou no Pavillón Universitario pasaron máis de 400 deportistas durante os diferentes días de competición, entre eles preto de 150 participantes no Campionato do Mundo de Triatlón de Longa Distancia celebrado na xornada do sábado.

Entrar en contacto con pacientes reais e facelo ademais con “deportistas de alto rendemento” constituían os principais alicientes para o alumnado desta colaboración co mundial, como sinala a profesora da facultade e coordinadora destas unidades de voluntariado, Yoana González. “Tiveron a oportunidade de traballar cos mellores deportistas de triatlón a nivel mundial. Á nosa unidade acudiu, entre outros, o campión do mundo Bienvenido Ballester”, engade González do labor que, en diferentes quendas dun mínimo de 12 persoas, estes preto de 50 alumnos e alumnas desenvolveron baixo a coordinación de dez docentes e antigos estudantes da facultade, que se encargaban de guialos e supervisalos na asistencia aos e ás deportistas.

Cinco días, máis de 400 asistencias

No espazo instalado no Pavillón Universitario, esta unidade de voluntariado permaneceu operativa ao longo de toda a xornada nos cinco días que tiveron lugar as diferentes competicións. Así, o 27 de maio, día no que tivo lugar a proba de duatlón, os voluntarios e voluntarias asistiron a preto de 100 deportistas, mentres que o día seguinte, coincidindo coa competición de paratriatlón, atenderon unhas 70 persoas. O martes 30 e o xoves 2 esta unidade retomou a súa actividade con motivo dos mundiais de triatlón cross e acuatlón, atendendo máis de 50 persoas cada día, para pechar esta unidade a súa colaboración co evento este sábado, xornada na que pasaron polo posto da facultade preto de 150 persoas. “Algúns deportistas acudiron en máis dunha ocasión, xa que competían en máis dunha proba e moitos dos que viñeron nos primeiros días repetiron na nosa unidade antes e despois de competir”, apunta González dunha iniciativa na que as e os estudantes puideron vivir unha experiencia práctica de traballo tanto con sobrecargas como con diferentes lesións. “Outra das partes que máis lles interesou foi o tratamento dos deportistas de paratriatlón, onde coñeceron as particularidades deportistas de participantes con amputacións, lesións medulares, con parálises braquiais”, explica a coordinadora dunha actividade que permitiu así mesmo ao alumnado traballar con competidores de diferentes grupos de idade, “mesmo con deportistas de 70 ou incluso 80 anos”.

Unha aprendizaxe fóra das aulas

Abertas a alumnado de terceiro e cuarto curso, aos que nesta ocasión se sumaron tamén dous estudantes de segundo “que tiñan especial interese en participar porque son triatletas”, explica González, estas unidades de voluntariado constitúen unha oportunidade “para aprender con casos reais”, como salienta a alumna Noelia Paz dunha iniciativa na que “ves no trato directo con pacientes o que é a fisioterapia deportiva”. Participante na unidade que atendeu o martes aos e ás participantes no triatlón cross, Paz salienta tamén o positivo dunha experiencia “bastante enriquecedora, na que ao haber xente estranxeira, tiñas que comunicarte en inglés”, e na que “vimos sobre todo sobrecargas e algunha cambra, pero na que tamén traballamos con deportistas paralímpicos”. Nesa mesma liña, o estudante Sergio Lamas salienta esta colaboración como “unha forma de ver a fisioterapia fóra da universidade” ademais de  como “unha forma de probarte a ti mesmo”. Nese senso, Lamas salienta o reto que supuña “ter que comunicarte noutros idiomas” cos e as participantes, no seu caso na proba de longa distancia do sábado, e a variedade de casos que tiveron que atender ao longo da xornada para incidir en que se tratou dunha das actividades “máis interesantes” nas que participou no marco destas unidades de voluntariado.