DUVI

Diario da Universidade de Vigo

42 estudantes da facultade prestaron asistencia a participantes en seis probas deportivas

As unidades de voluntariado de Fisioterapia atenderon este curso preto de 300 persoas

O obxectivo desta iniciativa é achegar ao alumnado a casos e pacientes reais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 29/06/2017

Complementar a formación do alumnado do grao en Fisioterapia situándoos fronte a casos e pacientes reais é un dos propósitos fundamentais das unidades de voluntariado coas que o centro colabora cada ano con diferentes eventos. Un total de 42 estudantes dos últimos dous cursos da titulación tomaron parte no presente ano académico nas colaboracións que o centro realizou con seis probas deportivas e nas que, baixo a supervisión de profesorado e egresados do centro, desenvolveron preto de 300 intervencións. O desenvolvemento de casos clínicos, a atención a deportistas “a pé de campo” e o traballo “de organización en grupo para atender aos e ás participantes” son, nese senso, as principais achegas que supón esta iniciativa para o alumnado, como salienta a súa coordinadora, a profesora Yoana González.

A XII Carreira Pedestre Concello de Moaña e o triatlón media distancia Desafío Illas Cíes de Vigo, en setembro, foron as primeiras citas que no presente curso contaron coa colaboración, en ambos casos, de cinco estudantes da facultade. Logo viría, en outubro, o XXI Medio Maratón de Pontevedra, no que 12 estudantes asistiron a preto de 100 persoas e, en novembro, o Maratón de Montaña Serra da Groba, ao que se sumaron sete estudantes, xunto coa IV Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple, que promove a asociación Avempo en Vigo e que reuniu a dez voluntarios e voluntarias. Xa no presente ano, as unidades da facultade colaboraron co XVI Concurso de Patrullas da Brilat, ás que se sumará en agosto a participación no evento de cultura urbana Marisquiño, en Vigo. En total, explica González, foron 19 as peticións recibidas ao longo do curso para colaborar con diferentes eventos, para as que a facultade precisa tanto da disponibilidade do alumnado como de que os e as organizadores cumpran unha serie de requisitos que permitan ao alumnado prestar asistencia aos e ás participantes.

Do que foi o seu primeiro curso completo á fronte destas unidades, tras tomar o relevo de José Manuel Pazos, González destaca como novidade a realización dunha avaliación e dun informe de cada actividade realizada, ao tempo que subliña a colaboración do anterior coordinador con esta iniciativa, que contou tamén co apoio de diferentes titulados e tituladas, que exerceron como supervisores do alumnado. Egresadas como Lidia Mariño, que en maio acompañou aos tres estudantes que atenderon na base de Figueirido aos participantes no Concurso de Patrullas da Brilat. “Xa o vivira desde o outro lado cando estudaba e gustoume a experiencia de colaborar como coordinadora”, explica esta fisioterapeuta dunha experiencia na que, como admite, o alumnado tiña que enfrontarse ao reto de atender o máis rápido posible a pacientes “que non querían perder demasiado tempo, porque estaban na metade da proba”.

Un xeito de achegarse á fisioterapia deportiva

Un dos estudantes participantes nesta carreira foi Pedro Ferradáns, quen se sumou a esta iniciativa co propósito “de ver un pouco como se traballa en competicións deportivas, porque nas estancias clínicas estamos máis ben en contacto con pacientes de hospitais ou de clínicas”. A atención de sobrecargas ou a realización de vendaxes e inmobilizacións foron nese caso algúns dos exemplos deste tipo de traballo aos que tivo que facer fronte na súa primeira participación como voluntario nestas unidades, á que prevé sumar unha segunda en agosto, no Marisquiño, “un evento que me gusta moito e no que vai a ser un pracer estar alí en contacto coa xente”.

“É un xeito de ir gañando confianza no trato cos pacientes e de ter acceso a xente que ten un problema de verdade”, engade Yasmina Abalde, quen colaborou co Desafío Illas Cíes, onde, recoñece, “ao final acabas con maniotas de atender a tanta xente seguida”, ao tempo que salienta o positivo dunha experiencia que “permite aplicar o que aprendiches e ver que ten un efecto”. Nesa mesma liña pronúnciase Gladis Ferreira, que viviu a súa primeira experiencia nestas unidades no maratón de montaña de Baiona, que destaca como unha experiencia “moi satisfactoria, na que a xente foi moi agradecida e que che permite entrar en contacto con outros fisioterapeutas”, así como “ver realmente o que pensa e sinte un paciente real, porque as prácticas na clase facémolas entre nós, con alumnos que son perfectamente conscientes do que lles estás facendo e con que obxectivo”.