DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o conselleiro de Investigación da CE, José Manuel Silva

A Unión Europea ve no Campus do Mar un proxecto competitivo en liña “ coa gobernanza futura da investigación”

Mantivo un encontro coa comunidade científica para falar das perspectivas investigadoras no mundo do

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 03/12/2010
A Unión Europea ve o Campus do Mar coma un proxecto competitivo que conseguirá incrementar a participación galega nos programas de investigación europeos, “xa que é unha iniciativa que está nos conceptos do que é a gobernanza futura da investigación na Unión”. Así o expuxo José Manuel Silva, conselleiro especial de Investigación da Comisión Europea e próximo director xeral de Agricultura nunha visita á Universidade, onde mantivo un encontro coa comunidade científica para falar das perspectivas da investigación no mundo dos océanos, as oportunidades que existen e os enfoques do futuro.

Silva argumentou estas afirmacións subliñando a “especialización” dun proxecto no que están a participar máis de 3000 científicos e que ven avalado pola “excelencia” e “notoriedade” dos centros que o integran, “o que permitirá a conexión co resto do mundo de ti a ti”, subliñou. Acompañado polo reitor, Salustiano Mato, quen destacou a “oportunidade de poder visualizar o que vai a ser o futuro da investigación en Europa de primeira man”, Silva fixo fincapé en que o proxecto do Campus do Mar, integra tres liñas de investigación básicas para a UE: política pesqueira, “no senso de que constantemente necesita inputs para poder seguir avanzando neste campo”; política marítima, “onde incluiríamos temas tan claves como enerxía, transportes ou contaminación”, e ciencia e innovación propiamente.

En relación ao feito de que Galicia está a participar en numerosos consorcios europeos, “o sistema de establecer unións entre diferentes universidades e centros de investigación entre varios países para facer investigación cooperativa”, subliñou que, Galicia aumentou nos últimos anos “moitísimo” o seu peso nestas iniciativas, ao que engadiu que o Campus do Mar xa é de por si un “preconsorcio ou un gran clúster” o que facilitará, segundo engadiu, establecer vínculos con outras realidades de Europa e de fóra continente “dende Estados Unidos ata Xapón”.

Mato avanza un novo contrato co European Research Council

En relación á evolución da investigación en Galicia, Silva destacou o importante avance que se produciu neste eido, tanto pola cantidade de investimento realizado “moi importante nos últimos anos”, como pola súa calidade, no senso de que se acadou unha importante “notoriedade” traducida no incremento do número de publicacións e das citas sobre estas publicacións, así como na elevación “notable” do número de empresas con base tecnolóxica.

Nesta liña lembrou que a Universidade de Vigo conta cun contrato do European Research Council, programas “que non se regalan” e que valoran tanto a capacidade do científico, neste caso, David Posada, como da universidade de acollida, e “neste caso o importante é que os dous son de aquí”. Un intre no que o reitor, Salustiano Mato, aproveitou para avanzar que a Universidade asinará en breve un novo contrato deste tipo.

Investir en tempos de crise

Na súa visita a Vigo o conselleiro fixo tamén fincapé nos esforzos que se fan dende Europa para concienciar aos estados da necesidade se seguir investindo en investigación, “os orzamentos dedicados a investigación son anticíclicos e, aínda que haxa unha crise hai que intentar facer un esforzo”, subliñou.

Durante o seu encontro coa comunidade científica, José Manuel Silva lembrou os seus inicios en Bruxelas hai máis de 25 anos e no, que cualificou como “un encontro no que non vou dar nin cifras nin nomes de proxectos”, achegou algunhas pistas de por onde pode ir o VIII Programa Marco de Investigación da Unión Europea, lembrando, sobre todo que “tedes que estar moi orgullosos do que acabades de lograr”, en relación á consecución de Campus de Excelencia Internacional.