DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo de investigación GIEEA traballa nun plan de desenvolvemento baseado nos recursos do municipi

A unión de mar e turismo como piar do futuro económico de Bueu

Os investigadores avogan pola implementación dunha estratexia turística arredor do Museo Massó

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 13/03/2014

O mar, o turismo e o patrimonio son tres dos piares sobre os que debería sustentarse o desenvolvemento económico do municipio pontevedrés de Bueu. Así se recolle na diagnose inicial do Plan de Desenvolvemento local deste concello do Morrazo que está a elaborar o Grupo de Investigación de Economía Ecolóxica e Agroeconomía, GIEEA, da Universidade, e cuxas liñas xerais, entre as que destaca o desenvolvemento dunha estratexia turística vinculada ao mar e á cultura mariñeira, foron presentadas polos investigadores Xavier Simón e Damián Copena, xunto ao alcalde da localidade, Félix Juncal este xoves.

Tralo análise de diferentes fontes estatísticas e das entrevistas realizadas por este grupo de investigación a diferentes actores sociais e económicos do municipio, Simón e Dapena presentaron unhas liñas estratéxicas “a partires das que se procederá ao deseño de diferentes actuacións para dinamizar o Concello”, na que será a segunda fase dun proxecto que ten como base “aproveitar os recursos propios do municipio”, segundo explica Damián Copena. Nesta mesma liña, o alcalde Félix Juncal incide en que a idea coa que se impulsou este proxecto, cunha duración dun ano, é a de analizar como “dar resposta ás necesidades de empregabilidade da veciñanza, partindo da nosa identidade, modos de vida e tradicións”.

Turismo vinculado ao mar

“Na diagnose realizada percíbese que existen oportunidades de negocio en sectores que non están todo o desenvolvidos que poderían”, apunta Copena, que ao mesmo tempo recoñece que Bueu é “un concello dinámico, no que existen iniciativas moi interesantes”. Non obstante, o investigador incide en que “no contexto actual existen novos mercados e novos mecanismos de diferenciación que supoñen unhas oportunidades que cómpre aproveitar para crear actividade económica”.

Unha desas oportunidades pasaría por “apostar por iniciativas vinculadas co turismo, xa que Bueu é un enclave moi ben situado, preto de dúas das grandes cidades de Galicia”, salienta Copena. Neste senso, o profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Xavier Simón, coordinador deste estudo, fai énfase nas “elevadas potencialidades que existen en Bueu para definir unha estratexia turística vinculada co mar”, na que o Museo Massó da conserva, “un dos máis importantes que hai en España” fose o “elemento central” arredor do que se ofertasen diferentes produtos e servizos. Por outra banda, a análise realizada polo grupo GIEEA tamén avoga por levar a cabo accións que contribúan a pór en valor a cultura mariñeira do municipio e aproveitar “todo o relacionado coas Ons, as illas galegas sen ponte máis poboadas”, engade Simón.

O potencial do sector primario

A análise inicial realizada polo grupo GIEEA tamén pon o foco nos “moitos recursos de interese que Bueu ten tanto no medio mariño como no campo, e que, en xeral, non están todo o aproveitados que se debería, polo que existen posibilidades de darlle máis valor económico”. Concretamente, Copena alude á existencia de “variedades locais únicas como o millo corvo ou o viño tinto femia”, e aos “produtos de gran calidade” dos que dispón o municipio no ámbito da pesca e o marisqueo. Neste ámbito, os investigadores consideran clave desenvolver unha serie de accións que contribúan “á diferenciación dos produtos e á obtención de valor engadido”, dado que nesta análise da realidade do municipio observaron que no sector primario existen en Bueu “moitas oportunidades”.

Por todo isto, os investigadores inciden na necesidade de “establecer estratexias baseadas na formación e na colaboración entre os distintos axentes produtivos, para tratar de crear sinerxías”, segundo destaca Copena, quen apunta ao valor deste recursos para “xerar unha actividade económica non agresiva coa contorna e baseada na sustentabilidade dos recursos e na posta en valor do patrimonio e do coñecemento, que é algo que moitas veces non se ten en conta”.