DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universia entrega os diplomas das bolsas Fernando Alonso a estudantes universitarios

A viguesa Alexandra Fernández, entre os tres galegos seleccionados

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 19/09/2008

Fórmula 1 e o mundo empresarial. Este foi o tema do traballo co que a estudante de Administración e Dirección de Empresas, Alexandra Fernández, acadou unha das bolsas Universia Fernando Alonso de prácticas profesionais que este sábado de entregan oficialmente en Madrid.
Grazas a este iniciativa, a estudante viguesa puido realizar tres meses de prácticas no Banco Santander, xunto con outros 99 universitarios de toda España, unha iniciativa que ten como obxectivo fomentar a experiencia profesional dos estudantes para facilitarlles o acceso ao mercado laboral. Xunto con Alexandra, forman parte deste programa outros dous estudantes galegos. Segundo subliña "foi unha experiencia moi positiva e tiven a sorte de que o horario era compatible con outras actividades". Neste tres meses Alexandra estivo a maior parte do tempo traballando na sucursal viguesa do Banco Santander en Gran Vía, "aínda que tamén estiven nas da Porta do Sol, rúa Coruña e Camelias". Neste tempo tamén coñeceu as cualificacións das derradeiras materias para rematar a carreira, "xa son licenciada e agora toca pensar no futuro, non sei se me renovarán no banco ou se seguirei estudando ou preparando unhas opocións", explica.

Unha estreita colaboración

Durante esta tempada, Universia é un dos patrocinadores do equipo Renault F1 Team e, froito deste acordo, púxose en marcha este programa de axudas que comprende 100 bolsas de prácticas e 300 de mobilidade internacional, que se darán a coñecer no mes de outubro. Os seleccionados teñen unha cita este sábado día 20 no acto oficial de entrega que se desenvolverá en Madrid e no que participará o propio piloto Fernando Alonso, xunto co presidente de Universia e do Banco Santander, Emilio Botín e o alcalde de Madrid, Alberto Ruíz-Gallardón. Por parte da institución viguesa no acto estará presente Emilia Seoane, conselleira Eures da Universidade xunto coa propia estudante que recollerá o seu diploma da man de Emilio Botín e Fernando Alonso.

Actividades complementarias

A cerimonia de entrega das bolsas contará cun programa de actividades paralelo que xirará arredor da Fórmula 1, xa que Fernando Alonso ofrecerá unha rolda de prensa e, logo dunha clase maxistral de condución e unha exhibición de karting, celebrarase o GP Universia, no que o piloto competirá con tres dos estudantes bolseiros e seareiros elixidos entre o público na explanada do Santiago Bernabeu. Os asistentes poderán ademais conseguir dúas entradas para o Gran Premio de Brasil.

Dous programas paralelos

As bolsas Fernando Alonso que outorga Universia para realizar prácticas profesionais teñen a finalidade de facilitarlles aos estudantes a súa aterraxe no mundo laboral. Neste programa puideron tomar parte alumnos de calquera nacionalidade matriculados en universidades españolas, así como matriculados en ensinanzas oficiais de grao e posgrao en universidades estranxeiras. Para valoración das solicitudes o xurado tivo en conta, ademais do currículo, un traballo sobre seguridade e prevención aplicables tanto á Fórmula I como á condución habitual ou que reflectise a similitude de valores entre este mundo e o empresarial.
Por outra banda, Universia abriu tamén un programa de bolsas de mobilidade internacional co obxectivo de promover o intercambio cultural e ampliar a formación dos estudantes de calquera nacionalidade matriculados en algunha universidade española. A convocatoria contempla 300 bolsas de 3000 euros cada unha e unha duración superior aos tres meses. Neste caso, as solicitudes tamén deberon ser acompañadas por un traballo vinculado á seguridade viaria en calquera dos ámbitos do coñecemento. A resolución do xurado das bolsas de mobilidade darase a coñecer a finais do vindeiro mes de outubro.