DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vicerreitor de Formación e o responsable da actividade no campus presentaron a súa oferta

A Universidade abre as súas portas aos maiores de 55 anos cun programa formativo atractivo e variado

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 24/09/2009

O curso non só comeza para os máis cativos e novos da casa. Un ano máis as aulas universitarias volven abrir as súas portas aos maiores de 55 anos grazas ao Programa de Maiores, "unha desas iniciativas coas que todo o mundo está contento”, apuntou este xoves o vicerrreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, na presentación desta actividade no campus. O prazo de matrícula ábrese a semana que vén e aqueles interesados en ocupar unha das 50 prazas que existen teñen de prazo ata o 8 de outubro para formalizar a inscrición.
O programa consta de dous ciclos. Un intensivo dirixido a todos os maiores de 55 anos interesados, “sen ningún tipo de requisito previo”, tal e como apuntou o responsable do programa no campus, José María Gil, e outro de especialización para aqueles que xa superasen o primeiro. O primeiro deles, que consta de tres cursos de 18 créditos cada un, está integrado por materias como Cultura e pensamento, Xeografía de Galicia, Introdución ás novas tecnoloxías, Saúde e calidade de vida ou Grabado e estampación. No segundo ciclo, de dous anos de duración, os estudantes xa se incorporan ás clases co resto dos alumnos “en materias de corte divulgativo”.

Aprendendo toda a vida

A mellora da calidade de vidas das persoas maiores, dinamizando a súa xubilación e facilitándolles o acceso aos coñecementos propios da vida universitaria, é a filosofía que inspira este programa, que cumpre oito anos. Segundo apuntou o vicerreitor, esta actividade está elaborada en base a “unha perspectiva de formación cultural ampla porque os maiores que se achegan á universidade logo dos cincuenta anos son moi diversos; desde xente que xa cursou estudos universitarios a persoas que só puideron realizar estudos primarios”. Iso si, o punto común é “o interese por formarse, as ganas de aprender”. Unhas ganas que, na maiorías das ocasións, “superan as do resto dos alumnos”, apuntou Gil.
Outro aspecto que tampouco cómpre perder de vista é a función destas aulas como punto de encontro e de integración social xa que, en non poucas ocasións, “os compañeiros de clase rematan sendo amigos”, convertendo o aspecto relacional en algo tan importante como o formativo.

Matrícula a partir do día 28

O período de matrícula comeza a semana que vén e permanecerá aberto ata o día 8 de outubro. As sesións inciaranse o día 13. O prezo do curso completo é de 120 euros, aínda que existen tres becas de exención total e outras (para un 20% dos estudantes matriculados) de exención sobre o 25% do prezo. En calquera caso, a contía pode pagarse en 3 prazos. Aqueles interesados en recabar máis información poden consultar a web do programa ou achegarse á Secretaría de Alumnos da EUET Forestal.