DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Situándose así líder da clasificación xeral dun torneo no que participaron 600 deportistas

A Universidade acada sete ouros nos Campionatos Galegos Universitarios de Deportes Colectivos

Destacou, sobre todo, o éxito acadado polas modalidades femininas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
D. Besadío DUVI 01/03/2019

Se ben había postas moitas expectativas nesta cita deportiva non se agardaba un resultado tan contundente. A Universidade de Vigo proclamouse esta semana en Lugo a gran vencedora dos Campionatos Galegos Universitarios de Deportes Colectivos ao acadar os seus equipos sete medallas de ouro nas  modalidades de baloncesto feminino, balonmán feminino e masculino, fútbol sala feminino, fútbol 7 feminino, voleibol feminino e fútbol 11 masculino, ás que hai que sumar tres pratas en baloncesto, fútbol sala e voleibol masculino.

“Son uns resultados extraordinarios, sobre todo no que se refire ás modalidades femininas, algo que sorprende aínda máis se temos en conta que as competicións femininas son minoritarias en todas as universidades”, explica Eduardo Rodríguez, técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte, quen explica as mozas acostuman participar máis en modalidades de ocio ca en modalidades de competición. “Así é todo, os nosos equipos femininos responderon de xeito fantástico”, recalcou Rodríguez.

Os campionatos, celebrados este xoves, reuniron en Lugo preto de 600 deportistas, 180 procedentes dos diferentes equipos da Universidade de Vigo. Destacou especialmente o éxito acadado polos equipos de balonmán, tanto feminino como masculino, o que os posiciona como posibles candidatos para chegar á fase final dos campionatos de España universitarios.

O Campionato Inter Autonómico será o 12 de marzo en Pontevedra

Os sete equipos que acadaron a medalla de ouro en Lugo disputarán agora unha fase interzonal en Pontevedra o vindeiro 12 de marzo, o denominado Campionato Universitario Inter Autonómico, cita que por primeira vez se celebra en Galicia e na que os universitarios e universitarias viguesas medirán forzas con estudantes doutras comunidades autónomas cos que se xogarán unha praza para a fase final dos campionatos de España universitarios que este ano se disputarán na comunidade autónoma de Valencia  ao longo dos meses de abril e maio. 

“Aínda non temos confirmadas toda as datas, pero sabemos que a competición de baloncesto e balonmán será a primeira semana de abril, voleibol a segunda e que o fútbol quedará para o mes de maio”, explicaron desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte.