DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade está a acadar excelentes resultados coas súas experiencias de integración

Púxose de manifesto nas "Xornadas de Sensibilización cara as persoas con discapacidade psíquica"

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 08/10/2008

Froito da colaboración da Universidade coa Fundación Menela, unha organización centrada nos trastornos do espectro autista, xorden as Xornadas de Sensibilización cara as persoas con discapacidade psíquica. Esta iniciativa, con presenza nos tres campus, ten por obxectivo “a divulgación do coñecemento sobre as experiencias de integración que se están a levar a cabo en distintos eidos”, tal como explica de Mª del Carmen Cabeza, vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, que engade que “como Universidade, temos unha misión de crear vínculos coa sociedade na que vivimos e queremos que persoas de todo tipo teñan a posibilidade de recibir formación académica”.
A integración sociocultural e laboral das persoas con discapacidade foi o tema sobre o que xirou a mesa redonda que, enmarcada dentro destas xornadas, se celebrou no salón de actos da E.U. de Enxeñaría Técnica Industrial. Nela estivo presente Eva Souto, responsable do Gabinete Psicopedagóxico, que dende o curso pasado está a traballar no caso dun estudante universitario con Síndrome de Aspeger. “Ademais de facer exercicios con el, cooperamos cos profesores para resolver os seus problemas á hora de sintetizar e redactar”, segundo as súas palabras. A metodoloxía empregada consiste na proposta de obxectivos semanais que, unha vez cumprido, son avaliados para establecer novas metas. Os resultados están a ser moi satisfactorios, pois “aprobou todas as materias con boa nota”, tal como comenta a psicopedagoga, que puntualiza que “temos que seguir pelexando porque hai moitos aspectos que faltan por desenvolver para acadar a autonomía plena”.
Pola súa banda, Paz Canduela, subdirectora da Biblioteca Universitaria, foi a encargada de trasladar ao público a súa experiencia dentro do Programa Integra, dedicado á realización de prácticas laborais. Ao longo do pasado curso foi titora dun estudante con discapacidade psíquica que traballou como bolseiro na sección que ela dirixe. Neste caso, o obxectivo perseguido foi a capacitación do estudante para desenvolverse nun entorno laboral e “para isto tratamos de inculcarlle habilidades como o cumprimento dun horario, a xustificación das ausencias ou a importancia de responsabilizarse das tarefas asignadas”, explica Canduela, que engade que “agora mesmo está a traballar nun supermercado como mozo de almacén, polo que estamos moi satisfeitos”.

O caso do autismo

“Calquera persoa con calquera discapacidade non só pode facer cousas, senón que debe de facelas”. Esta foi a mensaxe que durante a súa intervención transmitiu Cipriano Jiménez, director xeral da Fundación Menela, que engadiu que “o traballo é unha lei para todos, pois o esforzo é o que nos move”.
Por ser un problema cun diagnóstico claro, o autismo empeza a ter incidencia dentro dos propios servizos sociais e educativos, xa que se estima que “6 de cada 2000 menores de 10 anos padecen este trastorno”, segundo palabras de Jiménez, que engade que “ao trasladar estes datos a Galicia atopámonos cunha cifra de 1345 nenos con autismo”.