DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución asinou un convenio coa Escola Superior Politécnica do Litoral

A Universidade achega a Ecuador o potencial da enerxía xeotérmica

O profesor da ETSE de Minas Enrique Orche, pioneiro en explicar as vantaxes desta renovable no país

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 26/01/2011

Os avances que no eido das enerxías renovables se están a dar en Europa non están a ter a mesma resposta nos países sudamericanos, polo que dende a Universidade, que xa ten comprobado a eficiencia da xeotermia nalgunha das súas instalacións, estase a facer un esforzo para achegar este enerxía limpa a países como Ecuador. Esta colaboración tradúcese nun convenio entre a Universidade e a Escola Superior Politécnica do Litoral, que desenvolverá conxuntamente un proxecto de investigación sobre enerxía xeotérmica no Ecuador.

Esta colaboración tradúcese nun convenio entre a Universidade e a Escola Superior Politécnica do Litoral, ESPOL que desenvolverá unha liña de traballo para levar a cabo conxuntamente un proxecto de investigación sobre enerxía xeotérmica no Ecuador. Con este obxectivo, o profesor Enrique Orche ten establecido un contacto estreito co país, en concreto coa cidade de Guayaquil, ao abeiro do Programa Ciencia e Tecnoloxía para o Desenvolvemento, CYTED, no que colabora o catedrático do Departamento de Enxeñería dos Recursos Naturais e Medio Ambiente.

Convenio de colaboración entre a Universidade e a ESPOL

A última visita a Guayaquil serviulle a Orche para ir pechando este convenio marco entre a Universidade de Vigo e a ESPOL que permitirá establecer acordos máis puntuais no futuro. A liña de investigación en xeotérmica que se abrirá no futuro contará tamén coa colaboración da Universidad de La Laguna, e consiste na posta en marcha dun proxecto que contempla entre os seus obxectivos a “formación de profesionais que axuden na introdución e posterior difusión destas tecnoloxías no país”, segundo explica Orche.

Desta visita xurdiu tamén a idea dunha posible colaboración coa ESPOL para empregar este tipo de enerxía no propio campus, onde están a construír unha lagoa do tamaño do embalse de Zamáns coa idea de aproveitar o calor que a auga desprende para refrixerar os novos edificios que se van construír nos seus terreos, xa que queren que todas as construcións sexan punteiras tecnoloxicamente e que estean dotadas de todas as enerxías renovables posibles.

Outro dos proxectos comúns que se vai desenvolver proximamente está relacionado coa minería acuífera, pois no Ecuador estanse a explotar moitos xacementos deste tipo.

Conferencia pioneira

No marco destes primeiro contacto de Ecuador coa enerxía xeotérmica, o profesor Orche foi o encargado de impartir unha serie de relatorios sobre enerxía mineira e xeotérmica na ESPOL, as primeiras conferencias sobre este tema que teñen lugar en terras ecuatorianas. “O numeroso público que asistiu pon de manifesto o interese que existe arredor deste tema, que en sudamérica é absolutamente innovador e aínda está a dar os seus primeiros pasos”, explica o experto.

Ao longo da que foi “posiblemente a primeira conferencia sobre a materia que se ten impartido en Ecuador”, o profesor fixo un repaso polo concepto de xeotermia dende todos os puntos de vista posibles, facendo fincapé na súa definición e orixe, así como nos tipos de xacementos que existen e nos posibles usos. “Queremos levar esta tecnoloxía aos países iberoamericanos posto que proporciona unha enerxía barata á que se pode acceder facilmente e que está ao alcance de todos, pois o único que se precisa é dispor de terreo”, explica Orche, que engade que “o ideal sería comezar a utilizala en centros sociais ou hospitais, por exemplo”. Ademais, Ecuador é un país que se presta especialmente ao emprego deste tipo de enerxías debido ás numerosas formacións volcánicas existentes no seu territorio.

Aplicacións da xeotermia

A enerxía xeotérmica ten unha dobre orixe, xa que ademais de proceder do propio calor da terra, tamén emprega a que desprende o sol, pois o 50% da mesma é absorbida polo chan. Isto fai que os xacementos se dividan en catro tipos fundamentais que se ordean segundo a temperatura á que se atopan. En primeiro lugar están aqueles nos que a temperatura é superior aos 150 graos, que “son os máis raros e só se atopan en zonas de tectónica de placas como Islandia, Xapón, Indonesia e as illas Azores”, segundo explica Orche. O seguinte intervalo, que vai de 100 a 150, utilízase tanto para producir electricidade en centrais de ciclo binario como parar usar a súa calor empregando intercambiadores.

As dúas últimas gamas, entre 30 e 100 graos, e por debaixo dos 30 “son as máis habituais no noso país para a climatización de edificios, para o quecemento de invernadoiros e piscifactorías, o cultivo de setas e a fermentación de alimentos, entre outros moitas cousas”. Os exemplos máis próximos témolos na auga das Burgas de Ourense, que é utilizada para quentar a piscina dos Remedios, e na Biblioteca Central do campus de Vigo, onde se aproveita o calor do terreo para pór en marcha o sistema de calefacción. Ecuador, que comeza agora a coller contacto con esta tecnoloxía, conta tamén cun alto potencial no seu terreo para o desenvolvemento desta enerxía.