DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ábrese o prazo de inscrición da segunda edición da Escola de Tríatlon

A Universidade adestra aos triatletas afeccionados

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Anabel Vila DUVI 18/01/2011
Por segundo ano consecutivo, o Servizo de Deportes da Universidade organiza a Escola de Tríatlon. Baixo a dirección de Lorena García, adestradora nacional de tríatlon e natación, o curso consiste en adestramentos en carreira a pé, natación e bicicleta na contorna do campus de Vigo a partir do mes de febreiro. Na súa primeira edición inscribíronse 14 persoas que, ademais, participaron en varias probas de dúatlon de estrada e montaña, así como en algúns tríatlons de estrada. “A xente quedou moi contenta. Coido que este ano repetirán bastantes dos que estiveron o pasado ano, uns cinco ou seis”, asegura a adestradora.

O curso está aberto a toda a comunidade universitaria, aínda que é o estudantado o grupo que máis responde a este tipo de iniciativas. “Había alumnado, a maior parte, pero tamén profesorado e persoal investigador”, explica Lorena García, quen se mostraba satisfeita co resultado da escola o pasado ano. “É xente que non fixera nada, que sen case adestramentos decidiu participar en probas”, recorda. Dous dúatlons de montaña e outros tantos de estrada, así como un par de tríatlons foron as citas nas que tomaron a saída os participantes da pasada edición. “O seu obxectivo era rematar, e conseguíronno. Hai que ter en conta que tiñan moi pouco traballo previo”, recoñece a adestradora, que se marca como meta neste novo curso que “os novos logren finalizar as probas e os que repiten acaden mellores marcas”.

En marcha todo o cuadrimestre

O prazo de matrícula xa está aberto e non hai data límite, polo que os interesados poden anotarse no Servizo de Deportes de calquera dos tres campus cun custe de 40€. A escola, que bota a andar o día 1 de febreiro, estará en funcionamento durante o segundo cuadrimestre, con actividades os martes e xoves de 19.30 a 21.30 h (carreira a pé e natación) e os fins de semana en bicicleta.