DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xunto con Coruña e Santiago, son as primeiras universidades españolas nesta comunidade online

A Universidade adhírese á rede iBridge Network, un dos maiores escaparates internacionais de I+D+i

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 06/10/2011

6833 membros, 135 organizacións universitarias e máis de 16600 fichas informativas. Estas son as cifras da rede iBridge Network, un dos maiores escaparates internacionais para a tecnoloxía e proxectos innovadores desenvolvidos no eido universitario. Precisamente a Universidade de Vigo, xunto coa de A Coruña e a de Santiago, son as primeiras de España en entrar a formar parte desta comunidade online, co respaldo da Dirección Xeral de I+D+i da Xunta de Galicia.

Nun acto celebrado na Cidade Tecnolóxica de Vigo, os docentes, investigadores e persoal de administración e servizo da Universidade puideron coñecer esta rede e as súas ferramentas para compartir coñecementos cos principais centros de investigación e transferencia internacional.

Catro anos de transferencia do coñecemento

iBridge Network naceu en 2007 como un proxecto piloto no que participaban sete universidades americanas. Catro anos despois é xa unha activa e dinámica comunidade online que permite difundir, buscar e dar a coñecer resultados de investigación, coñecementos e ideas xeradas polos investigadores das universidades e os centros de I+D de todo o mundo. Esta rede sen ánimo de lucro establece unha ponte accesible e transparente entre a comunidade investigadora e o tecido empresarial, favorecendo a transferencia de coñecemento á sociedade e poñendo en valor os resultados dos grupos de investigación.

Entre os participantes na rede cóntanse universidades e institucións de América, Europa e Asia, entre elas entidades do máximo prestixio a nivel mundial por exemplo as universidades de Harvard (con 351 innovacións), Berkeley (con 448), UCLA (con 263), Stanford (con 1405), Columbia (con 1081) ou o Massachussets Institute of Technology e o Weizmann Institute of Science de Israel.

A xornada de presentación, á que asistiron entre outros o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán; o director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pou; o director da Área de Emprego, José Ignacio Armesto ou o administrador xeral de Gradiant, Luis A. Álvarez Sestelo, contou cunha sesión de traballo con Katie Petersen, manager in Advancing Innovation da Ewin Marion Kauffman Foundation, promotora desta rede. Petersen foi a encargada de presentar a plataforma e de impartir unha clase práctica sobre o proceso para incluír nela contidos e o deito de consultar os xa existentes.

Sinerxías entre universidade-empresa

Entre os máis 16.644 proxectos que se inclúen nesta plataforma están representados todos os eidos do coñecemento, dende agricultura, biotecnoloxía, química, medicina, nanotecnoloxía, seguridade, proteómica, informática, enerxía, medio ambiente, transporte ou enxeñaría. Mentres que os motores de busca tradicionais proporcionan un medio para buscar información, a rede iBridge proporciona unha fonte pública e centralizada para a procura de información imparcial sobre tecnoloxías e proxectos, mesmo na súa etapa inicial.

Ás institucións universitarias iBridge Network ofrécelles unha serie servizos e melloras que lles permite potenciar e visibilizar os seus proxectos de I+D. Por unha banda, dende a rede explica que a comunidade universitaria poderá obter licencias das súas innovacións e tecnoloxías con menores custes de transacción, así como poñelos en contacto con potenciais patrocinadores da investigación e colaboradores. A través da rede as universidades aumentarán o número de conexións externas á universidade a través de colaboracións, financiamento e licencias.

Por outra banda, para o tecido empresarial, iBridge Network representa a oportunidade de acceder a unha base na que se dan cita altas capacidades de investigación das principais universidades do mundo. Isto permítelles identificar e colaborar con socios de investigación reducindo os tempos de transacción a través, por exemplo de licencias en liña.