DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello de Goberno aproba o nomemento como Honoris Causa de Agustín Fernandez Paz e Julio Casado

A Universidade afianza a súa loita contra a discriminación de xénero e aproba o seu I Plan de Igualdade

O pleno tamén deu luz verde á normativa que reforma para o 2º cuadrimestre a capacidade docente do p

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 12/11/2012
No ano 2000 crea a Cátedra Caixanova de Estudos Feministas, no curso 2006-2007 foi pioneira na implantación dos posgraos de xénero, no 2006 crea a Área de Igualdade, no 2011 puxo en marcha unha comisión específica sobre esta temática… e durante o Consello de Goberno celebrado este luns a Universidade dá outro paso adiante no seu compromiso contra a discriminación de xénero coa aprobación do seu I Plan de Igualdade entre mulleres e homes, un documento que cualifican como “estratéxico”, xa que articula o compromiso político ao máis alto nivel; “transversal”, xa que afecta a toda a comunidade universitaria; e tamén “realista,transparente, participativo, flexible e de mellora continua”, en referencia a que se trata dun documento “vivo” que permitirá facer modificacións en función do seu seguimento.

Foi un dos puntos máis destacados dunha intensa sesión na que se aprobaron tamén os nomeamentos como Doutor Honoris Causa do escritor galego Agustín Fernández Paz e do químico Julio Casado Linarejos. Co respaldo dunha ampla maioría do pleno deuse tamén o visto e bo ao novo cómputo da capacidade docente do profesorado para o segundo cuadrimestre e as novas propostas de programas de doutoramento para o próximo curso, así como a reorganización da oferta de mestrados.

I Plan de Igualdade

O I Plan de Igualdade entre mulleres e homes da Universidade de Vigo contempla toda unha serie de accións para o período comprendido de 2012-2014, intre no que serán avaliados e difundidos os cambios producidos polas medidas en favor da igualdade. Vertebrado en catro eixes básicos, o documento prevé accións dirixidas a seguir aumentando o compromiso da Universidade coa Igualdade de xénero “ampliando, facendo máis visible e dándolle continuidade e permanencia aos progresos de diagnose xa realizados, creando e reforzando estruturas específicas e impulsando o equilibrio na presenza e na participación de homes e mulleres”, subliña o texto, que resalta tamén que este compromiso débese ampliar a todas aquelas institucións e empresas coas que a Universidade mantén relacións institucionais.

Fomentar a cultura do emprendemento feminino con accións de mentorado; estimular e apoiar as asociacións estudantís naquelas actividades que promovan a igualdade; promover no futuro alumnado eleccións académicas non estereotipadas polo xénero; elaborar e aprobar un plan de conciliación ou deseñar e implantar un programa de orientación e seguimento dirixidos ao alumnado feminino para detectar dificultades e obstáculos para a súa incorporación ao mercado laboral, son algunhas das accións contempladas no documento.

“O máis vizoso escritor galego” e un científico con proxección en Galicia

Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil en Galicia e no resto de España e en breve novo Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo a proposta do Departamento de Filoloxía Galega e Latina. “É o máis vizoso escritor galego en literatura infanto-xuvenil, con medio cento de obras, algunhas das cales foron traducidas xa a unha ducia de linguas, foron premiadas nacional e internacionalmente e situaron este escritor entre os dez mellores autores mundiais de literatura infanto-xuvenil do século XX”, defendeu o vicerreitor de Extensión Universitaria Xosé Henrique Costas, de quen partiu a idea inicial. “A concesión do doutorado Honoris Causa a Agustín Fernández Paz non é só o recoñecemento dunha traxectoria inmensa no eido da creación literaria,senón tamén o recoñecemento dun dos grandes divulgadores de Galicia no mundo enteiro”, subliñou o profesor Burghard Baltrusch, director do departamento encargado de defender a proposta.

Doutor en Química e discípulo do profesor Salvador Senent, Julio Casado Linajeros, catedrático de Química Física da Universidade de Salamanca, será tamén investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. A proposta deste nomeamento chegou da man do Departamento de Química Física e do seu director, o profesor Pablo Hervés, quen argumentou esta decisión nos grandes logros acadados por este profesor ao longo da súa dilatada traxectoria profesional. Máis de cento cincuenta artigos publicados en revistas internacionais de primeiro impacto, director de máis de trinta teses de doutoramento, investigador principal de 17 proxectos de investigación nacionais e internacionais... foron algúns dos méritos debullados ao longo da argumentación en defensa deste novo nomeamento. “Julio Casado contribuíu enormemente a creación e consolidación dunha escola de investigadores de alto nivel en Galicia que se mantén moi activa na actualidade”, rematou Hervés.

Enxeñaría Física, en suspenso

A sesión deste luns do Consello de Goberno decidiu por asentimento non tramitar á Consellería de Educación para a súa implantación no curso 2013/2014 a proposta de titulación de Grao en Enxeñaría Física, decisión que se tomou tendo en conta o informe desfavorable da Facultade de Ciencias, probable centro de adscrición da nova titulación, que puxo sobre a mesa a falta de recursos dispoñibles para pór en marcha o próximo curso a nova titulación.

Subliñando que se fixo un bo traballo na elaboración do plan de estudos e recoñecendo o interese da titulación para a Universidade de Vigo e máis concretamente para o campus de Ourense, “entendemos que na actualidade non está en disposición de enviarse á Consellería o expediente completo para a solicitude de informe previo de envío á verificación para a súa implantación no próximo curso, xa que un dos documentos a enviar é a xustificación da viabilidade económica, que inclúe unha análise das necesidades presentes e futuras en recursos humanos, infraestruturas e outros bens para a implantación da titulación proposta”, subliñou no transcurso da sesión a vicerreitora do Organización Académica, Profesorado e Titulacións, Margarita Estévez, que subliñou que agora se procederá a estudar a proposta “no contexto da situación das titulacións actualmente ofertadas no centro”.

Aprobada a capacidade docente para o segundo cuadrimestre

O Consello de Goberno aprobou tamén por ampla maioría -25 votos a favor, 8 en contra e 8 abstencións- a normativa que reforma para o segundo cuadrimestre a capacidade docente do seu profesorado en base á aplicación do Decreto lei 14/2012 de 20 abril, máis coñecido como Decreto Wert, “xa que non estamos en condicións nin podemos debater a aplicación dun decreto lei, aínda que estamos radicalmente en contra del”, subliñou o reitor, que explicou que o decreto se está a cumprir desde o mes de xullo, cando lle chegou á Universidade a circular que explicaba o procedemento de aplicación. “Agora o que temos que facer é cumprilo de maneira que minimicemos o seu impacto e que altere o menos posible a vida universitaria”, apuntou Salustiano Mato, que fixo fincapé en que a proposta aprobada este luns foi consensuada “o máximo posible” e o feito de aplicala dálle a Universidade “seguridade xurídica” e, caso de non que non se procedese a esta aplicación, “as consecuencias poderían ser moito peores que as alteracións que temos que sufrir na actualidade”.

En referencia ao profesorado asociado, Salustiano Mato respondeu de xeito claro que “nesta Universidade non estamos despedindo a ninguén” e o que se está intentando coa aplicación do decreto é minimizar “ata termos menos significativos ca noutros anos académicos a non renovación de persoal que ven temporalmente a esta Universidade como segundo traballo a colaborar coa súa experiencia profesional”.
A normativa aprobouse co voto en contra de Nova Universidade, “pois non nos parece indispensable pór en marcha o decreto no 2º cuadrimestre”, subliñou Jaime Cabeza, líder da oposición.

Unha vez aprobada a normativa para o 2º cuadrimeste, o equipo de goberno fixo fincapé en que no prazo máis breve posible se iniciará o proceso de negociación das normas de dedicación do profesorado para o próximo curso.

Reorganización de mestrados e de programas de doutoramento

O pleno do Consello de Goberno deu tamén o visto e bo aos programos de doutoramento para o vindeiro curso que se reorganizan en base ao estipulado no Decreto 99/2011. Do mesmo xeito aprobouse tamén a reorganización da oferta de títulos de mestrado, en cumprimento do Decreto 222/2011 que regula as ensinanzas universitaria no Sistema Universitario Galego.Unha vez que emita o seu informe o Consello Social, que se reunirá mañá martes, serán enviados a Consellería de Educación.