DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado en colaboración oa Autoridade Portuaria de Vigo e a Fundación Porto de Vigo

A Universidade afonda no seu compromiso co mar nun novo curso sobre Dereito Marítimo

A docencia responde á demanda de profesionais por parte do tecido empresarial

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 27/04/2011

O sector marítimo demanda profesionais especializados no dereito relacionado co mar e a Universidade, en colaboración coa Autoridade Portuaria de Vigo e a Fundación Porto de Vigo, ofrece a resposta. Coa inauguración este mércores do I curso en Dereito Marítimo ambas institucións buscan ofrecer ao tecido empresarial os expertos que precisan, cunha formación específica e multidisciplinar tanto no eido público como no privado, nos sectores nacionais e internacionas, civís, mercantís, administrativos e laborais, incluíndo a pesca e a navegación deportiva.

A cooperación entre Porto e Universidade escenificouse no acto de apertura da man do reitor, Salustiano Mato, a presidenta do Autoridade Portuaria, Corina Porro e o presidente do Consello Social da Universidade, Emilio Atrio. Todos eles coincidiron en subliñar a importancia que o mar ten para Vigo, unha convicción que a institución académica plasmou xa no campus de excelencia Campus do Mar.

Coa colaboración da Asociación Española de Derecho Marítimo, con este curso coordinado polos profesores María José Bravo Bosch e Francisco Torres trátase de devolver á cidade e ao sector marítimo todo o que a sociedade lle achega á Universidade. Como cidade portuaria de referencia internacional, sendo primeiro porto do mundo en tráfico de peixe, segundo en tráfico de granito e cada vez mellor situado en ranking de transporte Ro Ro e transporte de contedores, esta primeira edición do curso era máis que necesario. A presidenta da Autoridade Portuaria e o reitor, Salustiano Mato deixaro tamén a porta aberta á posibilidade de que nun futuro este curso se poida converter nun mestrado oficial en Dereito Marítimo “de prestixio internacional”.

Programa docente multidisciplinar

O curso que botou a andar este mércores rematará o vindeiro 6 de maio e nace xa con vocación de continuidade. Os profesionais que de el saian contarán cunha formación específica pero sobre todo, como explican os seus coordinadores, multidisciplinar. Estes futuros profesionais “made in Vigo” contarán nestes días coas achegas de recoñecidos especialistas, tanto docentes como profesionais de ampla experiencia no sector do mar, co sobre todo tentarán fomentar o debate entre os asistentes.

Entre outros temas abordarase o concepto, autonomía e fontes do Dereito Marítimo; os organismos nacionais e internacionais relacionados co sector; o estatuto xurídico do mar e dos fondos mariños; o réxime xurídico dos portos e dos servizos portuarios; o réxime financeiro dos portos e da Marina Mercante; as últimas tendencias legais, convencionais e xudiciais nas relacións laborais no sector portuario. Trataranse tamén a responsabilidade derivada da navegación, o estatuto xurídico do buque, o buque como obxecto garantía, os tipos de contratos de utilización do buque, os seguros marítimos ou o salvamento e accidentes marítimos.