DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras un ano ao fronte da institución, o reitor anunciou a inauguración de Citexvi en xullo

A Universidade agarda acadar en 2012 un balance económico positivo

Prevese que o Campus do Mar capte 10 millóns de euros en recursos no vindeiro curso

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río / Noemí Rey DUVI 23/06/2011

A pesar da situación de crise económica e, en boa medida, grazas ao Plan de Sustentabilidade, a Universidade de Vigo atópase nunha situación moi próxima ao equilibrio entre ingresos e gastos. Así o explicou o reitor, Salustiano Mato, nun repaso do seu primeiro ano ao fronte da institución ante os medios de comunicación. Segundo indicou, a previsión é acadar unha situación en positivo no 2012, grazas á captación de recursos e á conxelación do orzamento da Xunta de Galicia, “que supón osíxeno que respirar”.

Neste sentido, o reitor destacou que o plan de austeridade tivo o seu primeiro axuste no orzamento de 2011 e permitiu conter e recortar o gasto en 20 millóns de euros e reducir o seu déficit técnico contable a 5 millóns de euros, “nunha situación próxima ao equilibrio”. Cos axustes que quedan por facer, “esperamos estar en positivo en 2012 e sobre todo en 2013”, explicaba Mato.

Na súa opinión, aínda máis importante que a austeridade é a captación de recursos propios nun escenario onde as achegas da administración autonómica representan só o 65% do orzamento total. Europa é un caladoiro prioritario para a Universidade na busca e financiamento, de igual xeito que o son os proxectos e contratos de investigación e a colaboración coas empresas e organismos da contorna na procura conxunta de sinerxías e recursos.

Con todo, e pesar a obter máis ingresos dos previstos no orzamento deste ano, o reitor apela á precaución ante a situación económica e espera un 2012 duro, aínda que dende a perspectiva optimista de ter xa demostrado “que somos quen de facer máis con menos, como nos comprometemos co presidente da Xunta; agora toca recoller o froito do sementado neste 2011”. O reitor vigués lembrou tamén o compromiso da Consellería de Educación para que o financiamento por resultados se vaia abrindo paso ano a ano no Sistema Universitario de Galicia.

Unha previsión de 10 millóns de euros para o Campus do Mar

Un dos principais motores na captación de recursos cos que conta a Universidade de Vigo é o Campus do Mar, que xunto co Plan de Sustentabilidade, foron os dous elementos máis significativos deste curso que remata, segundo indicou o reitor. “Este proxecto de excelencia marca un antes e un despois para a Universidade, permitíndonos traballar para consolidarnos como a 'Universidade do Mar de Europa' e crea un espazo de oportunidades para toda a institución”, unha tarxeta de presentación no Estado e en Europa que abre portas para a captación de recursos.

Nos nove meses de vida como campus de excelencia, este proxecto captou 9 millóns de euros e a previsión é moi positiva. Salustiano Mato falou dunhas expectativas de arredor de 10 millóns máis “se se concretan as necesidades, sobre todo de infraestruturas”.

O futuro, en catro pasos

Moito traballo queda por diante nesa “persecución constante de converter a Universidade de Vigo como referencia internacional”. Por iso o futuro está vertebrado en catro polos nos que a innovación ten un espazo destacado: a inauguración de xullo de Citexvi e a recepción a final de ano do Módulo Tecnolóxico Industrial serán só o punto de partida para crear un espazo no que aparte, de enfocar “os principais ítems de Vigo”, poranse en marcha elementos singulares de I+D+i nos campus de Pontevedra e Ourense. Sempre coa internacionalización no punto de mira, o reto para este ano era ambicioso: conseguir lanzar 12 iniciativas relevantes, das que xa van oito aprobadas.

Pendentes dos decretos que saian de Madrid para aplicar cambios na organización académica e crear “modelos de gobernanza adaptados aos novos tempos respectando a autonomía das universidades”, Salustiano Mato recalcou que a idea é pór en marcha unha figura específica de goberno dos doutoramentos que contará coa participación dos centros e “das empresas que demandan esa formación especializada”.

No eido académico, o ano que ven preséntase como un curso de reflexión interna sobre resultados e capacidades para pór enriba da mesa de cara ao curso 2012/13 titulacións coas que ofertar un SUG “único, equilibrado e forte”. Un novo mapa no que Vigo non descarta “alianzas estratéxicas” coas outras universidades galegas, como pode ser no caso de Medicina; no que se tentará converter os Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia nun grao oficial e no que Enxeñaría Biomédica aparece como unha proposta para facer á Universidade de Vigo singular en Galicia e en España. “É como no Campus do Mar, moi ligado ás capacidades económicas da rexión e única no Estado. Temos que ver onde somos a locomotora e onde somos o vagón de enganche”, subliñou Mato.

Resumo informativo 2010-2011 (1.96 Mb)