DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco co Congreso Internacional de AJE Galicia o 30 de xuño e 1 de xullo

Universidade e AJE buscan novos emprendedores

Poderán coñecer de preto, entre outros, a Emilio Duró ou a representantes de elidealista.com ou eBay

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 26/05/2011

Decidirse a dar o paso e montar un negocio propia é, en calquera caso, un tarefa arriscada que require compromiso, decisión e formación. En épocas de crise como a que vivimos as complicacións multiplícanse, pero sabendo ler ben o contexto económico, tamén aparecen oportunidades irrepetibles. Por iso, son moitos os expertos que animan aos mozos a levar as súas ideas un paso máis aló e facelas realidade converténdose en emprendedores. Pero este paso require de moita formación e información, así como apoio por parte das institucións. Ese é o obxectivo da cuarta edición do Congreso Internacional da Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia, no que colabora a Universidade de Vigo coa organización dunha mesa redonda centrada precisamente no emprendemento.

Na procura de emprendedores

Aproveitando este foro internacional que nesta edición se centra no networking e a creación de redes, a Universidade de Vigo a través da Área de Emprego, organiza unha mesa redonda na que os asistentes poderán asesorarse sobre a creación das súas propias empresas. Nesta actividades participará Elías Pérez, de Quobis e Josep Lluís Bonet Ferrer, do grupo Freixenet.

Outra das iniciativas posta en marcha ao abeiro deste congreso á o Premio Joven Empresario, no que un comité formados por representantes da Universidade e de AJE seleccionará entre os universitarios participantes a os tres que poderán coñecer e charlar con Emilio Duró, un dos ponentes ‘estrella’ do congreso. Paralelamente, dende a organización teñen previsto facilitar invitacións para que Universidade as sortee entre o alumnado que se preinscriba no propio congreso.

O importante, crear redes

Nesta cuarta edición, o congreso centrarase en proporcionar aos asistentes ferramentas de cooperación, marketing en redes sociais e internacionalización. Segundo explica Patricia García, presidenta da asociación, “os mozos empresarios de Galicia cremos que a cooperación, a innovación e a formación son fundamentais para o éxito, e máis nesta época por iso este ano teremos obradoiros de networking, para que os participantes no congreso se coñezan entre eles e poidan establecer colaboracións entre si e encontrar novos clientes, provedores e inversores”.

Ponentes de prestixio internacional

A presidenta de AJE explica que a selección dos relatores fará posible que os asistentes poidan coñecer as opinión de “especialistas en estratexias para a creación e consolidación de proxectos empresariais optimizando ao máximo os seus recursos, mediante o uso de ferramentas en internet e a súa creatividade”. Entre os participantes, os organizadores salientan a presenza de Emilio Duró, prestixioso consultor de empresas multinacionais que defende a tese de que os fracasos profesionais rara vez se deben a cuestiones técnicas, senón máis ben a causas emocionais. Duró aposta por conseguir que os empresarios sexan conscientes do factor humano e o que representa, ‘comezando por eles mesmos’.

Outro dos ponentes será Jesús Encinar, fundador de elidealista.com, “que nos dará a súa fórmula para crear empresas de éxito optimizando ao máximo os recursos económicos” explica Patricia García. Por outra banda, achegará tamén o seu punto de vista Ana Diaz, PR Manager do servizo de eBay para mercados emerxentes que falará sobre as estratexias de comunicación e posicionamiento no mercado internacional.

A inscrición para o congreso está aberta e os prezos varían segundo se trate ou non de membros de AJE e estudantes ou público en xeral, indo dos 50 aos 140 euros.