DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato, Javier Guerra e José Ramón Camino presentaron a iniciativa

Universidade e Alcoa promoven cun proxecto de 350.000 dólares a investigación en economía da enerxía

Tres investigadores posdoutorais traballarán durante dous anos en cinco grandes liñas de actuación

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 05/07/2011
Obter conclusións rigorosas e neutrais sobre os retos aos que se enfrontan cidadáns, empresas e gobernos no ámbito da enerxía. Con este obxectivo a Universidade e Alcoa poñen en marcha un proxecto de investigación no que a compañía, líder mundial na fabricación de aluminio con máis de 2000 empregados en Galicia, inviste 350.000 dólares para a contratación de tres investigadores especializados que durante dous anos levarán a cabo diferentes traballos en torno a cinco grandes liñas de actuación: demanda de enerxía, seguridade de subministro, innovación, efectos económicos das políticas enerxéticas e ambientais e prospectiva regulatoria.

O proxecto presentouse este martes no Edificio Miralles nun acto que contou coa participación do reitor, Salustiano Mato; o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra; o presidente de Alcoa España, José Ramón Camino e o catedrático vigués, Xavier Labandeira, director de Economics for Energy, un centro de investigación xurdido da propia universidade viguesa e que “desde o rigor e a neutralidade pretende orientar as decisións públicas e privadas no ámbito enerxético español”, salientou o investigador vigués que agradeceu a Alcoa “por ternos elixido como única universidade europea para levar a cabo un proxecto desta magnitude”.

Tres talentos con perfil internacional

Para pór en marcha o proxecto, contratouse xa a tres investigadores posdoutorais que o levarán a cabo e que hoxe acudiron tamén á presentación. O alemán Klaas Würzburg, doutor pola Universidad de Colonia, centrará o seu traballo na análise dos custes das medidas da eficiencia enerxética en España, ademais de ocuparse da relación entre os prezos da enerxía e de outros bens manufacturados e de alimentos, así como de investigar o deseño e efectos de diversas políticas de promoción de enerxías renovables en distintos países europeos.

De xeito complementario, o vasco Luis Rey, doutor polo Instituto Universitario Europeo de Florencia, dedicará o seu tempo á modelización económica da seguridade enerxética, cun particular análise dos efectos macroeconómicos e dos custes de posibles rupturas no subministro no caso español, así como ao deseño e efectos de políticas de eficiencia enerxética nos edificios.

O terceiro investigador contratado é o marroquí Mohcine Bakhat, doutor pola Universitat de les Illes Balears. Neste caso o seu labor centrarase na modelización da demanda de enerxía, a análise dos efectos e deseño dos tributos enerxéticos, “ sen pasar tampouco por alto o estudo da volatilidade dos prezos de bens enerxéticos”, subliñou o responsable de Economics for Energy.

A enerxía, clave para Galicia

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou durante a presentación que “Galicia ofrece un escenario proactivo en materia da I+D+i enerxética, favorecido polo novo Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento”, dotado cun orzamento de 192 millóns neste exercicio. Ademais, o conselleiro, que recalcou que en Galicia o 64% da enerxía eléctrica se obtén a través das renovables, fixo tamén mención á aposta do executivo galego pola política gasística e amosou as expectativas postas na Misión Galega do Gran Burato, “un proxecto dirixido tamén dende a Universidade de Vigo e que ten como principal obxectivo determinar a presenza ou non de hidrocarburos nas nosas costas”, ao que engadiu que "tamén é preciso que a comunidade autónoma recupere o liderado eólico que tivo".

Tamén Salustiano Mato insistiu na importancia que o mundo enerxético ten para a comunidade galega, facendo fincapé en que para poder conservar o planeta “e para que dentro de 50 anos se poida seguir vivindo nel é fundamental promover o que podemos denominar a terceira revolución industrial” que, segundo a súa opinión, non virá doutro campo que non sexa o da enerxía. Nesta liña o reitor salientou que dende a Universidade de Vigo se están deseñando e pondo en marcha instrumentos, non só para que os investigadores poidan transferir á sociedade o que saben “senón para que os transfiran colaborando nun sistema moito máis amplo que a propia Universidade”, referíndose así ao traballo posto en marcha por iniciativas como: EnergyLab, no campo tecnolóxico da eficiencia enerxética; a liña emerxente de enerxía mariña do Campus do Mar, e tamén por Economics for Energy.

Na relevancia da enerxía para o desenvolvemento económico dun país fixo fincapé tamén o presidente de Alcoa España, José Ramón Camino, que destacou a importancia dun día no que se plasma “un acordo pioneiro”, que dá como froito a posta en marcha “dun acordo punteiro e sólido do que en a penas dous anos veremos os resultados”. O obxectivo, segundo as súas verbas, “obter datos fiables que nos permitan mellorar nos diferentes aspectos que toca o campo da eficiencia enerxética.