DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución conmemorou o Día Internacional contra a Trata cun relatorio de Amelia Tiganus

A Universidade alza a voz contra a explotación sexual, que move en España 10 millóns de euros ao día

A Casa das Campás acolle tamén a exposición 'Excusas', de Médicos do Mundo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Pontevedra 28/09/2018

“Nesta sociedade neoliberal, o diñeiro branquea a violencia sexual, converte o desexo sexual dos homes nun dereito e o noso desexo sexual desaparece”. Son verbas de Amelia Tiganus, activista de Feminicidio.net, vítima durante cinco anos do tráfico de persoas e a explotación sexual en España, onde a prostitución “move 10 millóns de euros ao día”, como denunciou este venres na Casa das Campás no acto co que a Universidade conmemoraba o Día Internacional contra a explotación sexual e o tráfico de persoas, que tivo lugar o pasado domingo 23, e que se viu complementado coa inauguración da exposición Excusas, unha mostra promovida pola ONG Médicos do Mundo que recolle testemuños de consumidores de prostitución.

As actividades promovidas pola Área de Igualdade de Oportunidades da Universidade contaron coa participación da vicerreitora de Responsabilidade Social, Igualdade e Cooperación, María Isabel Doval, do vicerreitor do campus, Jorge Soto, e da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, así como da directora da Área de Igualdade de Oportunidades, Águeda Gómez, do director da Área de Responsabilidade Social e Cooperación, Xosé Mahou, e da representante de Médicos do Mundo en Galicia Iria Guippini. “Estamos empeñadas en facer transversais as cuestións de xénero e cooperación ao desenvolvemento a todas as estruturas da Universidade”, salientou Doval na apertura dun acto no que puxo de relevo como afondar nestas dúas cuestións “ponnos nunha mellor posición como Universidade inclusiva e achegada á realidade social”, á vez que adiantou a aprobación en 2019 dun plan “para tratar de previr, educar e transferir cuestións vinculadas co xénero e coa cooperación”. Previamente, Jorge Soto puxo o acento na importancia de “sacar á luz unha auténtica inxustiza que nos afecta a todos e a todas”, así como na necesidade de reivindicar “unha educación afectiva e sexual que nos poña no século XXI”, mentres que Silva denunciou que “a prostitución é sinónimo de escravitude, ligada á trata e á delincuencia máis brutal”, á vez que defendeu o feminismo como “a filosofía de vida máis potente nunca creada”. 

As “cadeas invisibles” que atan ás vítimas

“Fun vendida por 300 euros a un proxeneta español e convertida en mercadoría para o uso e goce dos homes do mal chamado primeiro mundo”, relatou Tiganus, que hai once anos puido “saír do sistema prostitucional despois de ser explotada durante cinco longos anos en diferentes puntos do territorio español”. Natural de Romanía, a activista incidiu, fronte a “terxiversacións”, na existencia dun “sistema que nos prostitúe ás mulleres, ás nenas e cada vez a máis nenos”. Sistema conformado, explicou, por un estado “que desde o 2014 inclúe no cálculo do Produto Interior Bruto os 10 millóns de euros de euros que moven ao día a prostitución e a trata” e que permite “que as nosas estradas estean pragadas de campos de concentración e de internamento de mulleres”. Un sistema conformado tamén polos “puteros”, para os que “somos buratos, receptoras de séme, que veñen a divertirse e non ven a nosa humanidade”; e polos proxenetas. “Estamos falando dunha industria mundial, na que os que moven os fíos, cotizan en bolsa”, denunciou Tiganus, quen abordou na necesidade de evitar “terxiversacións” pola que as vítimas do tráfico de persoas e a explotación sexual pasan a ser “traballadoras sexuais”, de tal xeito que “o proxenetismo desaparece do mapa”.

Neste punto, Tiganus puxo de relevo o recollido no Protocolo de Palermo, aprobado por Nacións Unidas no ano 2000, e que recolle que por trata de persoas entenderase, explicou, “a captación, transporte, traslado, acollida ou recepción dunha persoa recorrendo a ameaza, o uso da forza, a chantaxe e outras formas de coacción, a fraude, o engano ou o abuso de poder nunha situación de vulnerabilidade para obter o consentimento dunha persoa que teña autoridade sobre outra con fins de explotación”. Deste xeito, Tiganus denunciou esa “situación de vulnerabilidade constante” que padecen ás mulleres vítimas de explotación sexual, fronte ao intento dos proxenetas de “seguir mandando a mensaxe de que as vítimas de trata son esas pobres mulleres encadeadas á pata da cama”, un tipo de trata, explicou, “que apenas existe en Europa”. Non en van, “as cadeas invisibles son as que máis nos atan, porque son as máis fáciles de detectar”, engadiu a activista.

As escusas dos homes e as verbas das vítimas

Esta actividade completouse coa inauguración de Excusas, unha exposición integrada por nove paneis que abordan o fenómeno da prostitución poñendo o foco nas escusas dos demandantes de prostitución, pero tamén na opinión que deses homes teñen as vítimas de explotación sexual. “Pago e xa esta, non me preocupo de nada máis, é algo á venda que eu compro” ou “ligar costa moito traballo e ademais non tes ningunha garantía de éxito” son algúns dos testemuños recollidos nesta exposición de Médicos do Mundo, que tamén reflicte as denuncias dunhas vítimas que afirman que “non o vivo como un traballo, senón como unha violación detrás de outra” ou que “o cliente ten o poder porque sabe que o necesitas para vivir”.